O ano 2024 que vimos de pechar marcou un punto de inflexión para PLD Space, a empresa española de servizos espaciais, que pecha o exercicio cun balance excepcional: máis de 170 millóns de euros en financiamento, proxectos pioneiros como o lanzador MIURA 5 e a cápsula tripulada LINCE, e recoñecementos de institucións como a Axencia Espacial Europea (ESA) e a propia Comisión Europea.
Ese ano tamén viu o inicio da construción dunha nova sede na localidade de Elche, cunha planta de fabricación avanzada, e a introdución dunha nova identidade corporativa que reflicte o crecemento e madurez da compañía no ámbito global.
Financiación e infraestruturas de vangarda
En 2024, PLD Space logrou importantes fontes de financiamento, que incluíron 40,5 millóns de euros no marco do PERTE Aeroespacial para o desenvolvemento dun lanzador español de pequenos satélites; 31,2 millóns de euros mediante un préstamo sindicado con Banco Santander, EBN Banco e o ICO; e 11 millóns de euros de COFIDES.
Este capital reforzou o desenvolvemento da nova planta de fabricación de 12.500 metros cadrados en Elche, única en Europa, con capacidade para producir seis lanzadores MIURA 5 e 60 motores TEPREL-C ao ano. Ademais, as instalacións de ensaio en Teruel foron reacondicionadas para probar os compoñentes do MIURA 5, consolidando a capacidade técnica da empresa.
MIURA Next e LINCE: proxectos de futuro
A estratexia de PLD Space céntrase en consolidar o liderado europeo no transporte espacial mediante dous proxectos: MIURA Next e LINCE.
A primeira, MIURA Next, é unha nova xeración de lanzadores reutilizábeis, capaces de ofrecer misións dedicadas e voos compartidos para pequenos satélites.
E, por outro lado, LINCE é a primeira cápsula privada tripulada en Europa, que marca un avance clave na autonomía tecnolóxica do continente.
A selección de Deimos para co-liderar o sistema de Guiado, Navegación e Control (GNC) do MIURA 5 subliña o compromiso de PLD Space coa fiabilidade e eficiencia operativa.
Cara ao futuro con ambición global
Con 276 empregados de 19 países, PLD Space afronta 2025 coa visión de manter o liderado global no sector aeroespacial, garantindo a independencia de Europa no acceso ao espazo.
Faino ademais co compromiso social, apostando co Programa SPARK por espertar o interese pola ciencia, a tecnoloxía e o espazo. Deste modo, proporciona acceso gratuíto a estudantes, investigadores e entidades comerciais aos dous primeiros voos do MIURA 5.