Ademais de presentar a súa nova liña de portátiles LG Gram AI, LG comeza o ano apostando polas tecnoloxías lifestyle. No mesmo CES de Las Vegas vén de presentar dous novos proxectores: os modelos PF600U e CineBeam S, que destacan pola súa calidade de imaxe, versatilidade e deseño compacto, converténdose en aliados ideais para o visionado de contido en calquera lugar. Están inspirados no LG CineBeam Q do ano pasado, actualizándose e integrando funcionalidades innovadoras que combinan imaxe, iluminación e son.
PF600U: un modelo 3 en 1 para o fogar
O modelo PF600U -galardoado co Innovation Award no CES 2025– é máis ca un proxector. Este dispositivo integra tres funcións clave: proxector de vídeo en FHD (1920×1080), altofalantes bluetooth estéreo e unha lámpara LED ambiental con nove cores e cinco niveis de brillo. Estas características permiten crear ambientes únicos, desde sesións de cinema privado até iluminación relaxante con música de fondo.
O seu deseño está inspirado nunha lámpara de pé, o que garante unha integración natural en calquera decoración. Ademais, conta cun cabezal inclinábel de 110 graos e un sistema de axuste automático da pantalla, o que fai que sexa un dispositivo extremadamente versátil para adaptarse a diferentes necesidades e espazos.
CineBeam S: tiro ultracurto con resolución 4K e formato compacto
Por outra banda, o novo CineBeam S é o proxector 4K UHD máis pequeno de LG, combinando portabilidade e alta calidade de imaxe. Con 500 lúmenes ANSI e unha cobertura do 154% do espazo de cor DCI-P3, este proxector produce imaxes vivas e realistas, sendo ideal para os usuarios que queren o mellor aproveitamento do espazo.
O seu sistema de tiro ultracurto proxecta imaxes de ata 100 polgadas desde só uns centímetros de distancia, mentres que o son, optimizado por Dolby Atmos, garante unha experiencia inmersiva. Grazas á plataforma webOS, as usuarias teñen acceso directo ás principais plataformas de streaming, con funcións intuitivas como o axuste de cor segundo a parede e o escalado automático da imaxe.
Especificacións técnicas
No seguinte cadro poden consultarse as principais especificacións técnicas de ambos os dous modelos.
Modelo | PF600U | CineBeam S |
---|---|---|
Resolución | FHD (1920×1080) | 4K UHD (3840×2160) |
Brillo | 300 lúmenes ANSI | 500 lúmenes ANSI |
Contraste | 150,000:1 | 450,000:1 |
Peso | 7,5 kg | 2,5 kg |
Fonte de luz | LED (RGBB) | Láser (RGB) |
Ratio de proxección | 1.2 | 0.25 |
HDR | HDR, HLG | HDR10, HLG |
Altofalantes | Son estéreo | Son estéreo con Dolby Atmos |
Dispoñibilidade e prezo
Con estes dous proxectores, LG reafirma a súa aposta polo deseño funcional. Tanto o PF600U, coa súa proposta 3 en 1, como o CineBeam S, co seu formato ultracompacto e calidade 4K, representan unha evolución significativa no mercado dos proxectores lifestyle.
O fabricante eludiu adiantar datas para a súa comercialización, e tampouco avanzou o prezo ao que sairán á venda no noso mercado.