Malia todos os avances tecnolóxicos, especialmente nas comunicacións móbiles, os walkie-talkies seguen sendo ferramentas esenciais tanto no ámbito profesional como no recreativo. Xiaomi vén de dar un xiro tecnolóxico a este dispositivo coa presentación dos seus novos Xiaomi Sports Walkie-Talkie, pensados para aquelas persoas que precisan estar conectadas mesmo nos contextos máis esixentes.
Deseño compacto e funcionalidade avanzada
Este novo dispositivo destaca por contar cun deseño innovador e compacto, semellante ao dun reprodutor de MP3. Inclúe unha base magnética que permite acoplar o walkie ao cinto ou a calquera outra correaxe, facilitando a súa extracción e uso durante actividades deportivas ou de aventura.
O Xiaomi Sports Walkie-Talkie está equipado cun procesador de redución de ruído que garante unha calidade de son nítida mesmo en condicións adversas, como en actividades de esquí ou de ciclismo, e velocidades de 60 quilómetros por hora.
Porén, a gran innovación deste dispositivo reside na súa conectividade 4G, que permite establecer comunicacións a milleiros de quilómetros, superando o alcance habitual dos walkie-talkies tradicionais. Isto converte este dispositivo nun híbrido entre un walkie-talkie e un smartphone, permitindo comunicacións instantáneas entre usuarias situadas en calquera parte do mundo.
O trebello pode funcionar tamén como un altofalante Bluetooth, ofrecendo a posibilidade de reproducir música, radio por Internet ou calquera outro contido de audio.
Deseñado para soportar temperaturas de até 30 graos baixo cero, o Xiaomi Sports Walkie-Talkie é unha gran opción para grupos de persoas que practican deportes de inverno e outros contextos extremos. A súa batería de 1030 mAh ofrece unha autonomía de até 36 horas en espera ou 24 horas de uso continuo.
Dispoñibilidade e prezo do Xiaomi Sports Walkie Talkie
Fiel á filosofía de Xiaomi de ofrecer dispositivos de alta tecnoloxía a prezos competitivos, este walkie-talkie intelixente está dispoñíbel na China cun prezo duns 50 euros euros ao cambio.
Polo de agora non hai información sobre a súa posíbel posta á venda de forma global, mais estamos seguras que moitas usuarias estarían interesadas nas súas posibilidades.