Amazfit Active 2: máis de 160 modos deportivos e unha batería de 10 días

O novo Amazfit Active 2 xa é oficial e promete converterse no smartwatch ideal para as amantes do fitness e o benestar. Presentado no CES 2025 de Las Vegas, este reloxo intelixente combina funcionalidades avanzadas, un deseño elegante e unha autonomía destacada, ideal tanto para deportistas como para o uso diario.

Deseño elegante e funcionalidades avanzadas

O Amazfit Active 2 aposta por unha carcasa de aceiro inoxidábel que lle confire un aspecto sofisticado e resistente. Inclúe unha pantalla AMOLED de 1,32 polgadas cun brillo máximo de 2.000 nits, o que garante unha excelente visibilidade en calquera condición de luz.

No seu interior integra o sensor BioTracker 6.0 PPG, que mellora significativamente a precisión das medicións biométricas grazas á súa construción de dobre LED e catro PDs. Isto permite levar a cabo un seguimento avanzado da saúde, con funcións como as seguintes:

  • PulsePrecision Algorithm: leva o seguimento do ritmo cardíaco ao nivel do Amazfit T-Rex 3.
  • RestoreIQ Algorithm: mellora o seguimento do sono, permitindo unha análise máis profunda e precisa.
  • Insights de saúde avanzada: ofrece unha puntuación diaria de recuperación mental e física, así como recomendacións personalizadas.

Ademais, o reloxo soporta máis de 160 modos deportivos, incluíndo o exclusivo HYROX Race Mode, deseñado para competicións de alto rendemento. Tamén inclúe mapas offline con indicacións por xiro, compatíbeis con cinco sistemas de satélites para unha navegación precisa.

Outro dos puntos fortes é a súa autonomía, capaz de durar até 10 días con uso típico.

Dispoñibilide e prezo

O Amazfit Active 2 está dispoñíbel en dous acabados, unha versión estándar, con correa de silicona (ideal para uso deportivo) e un prezo de 99,99 dólares; e unha versión premium, con correa de coiro auténtico e pantalla con vidro de zafiro, por 129,99 dólares.

Polo de agora pode reservarse nos Estados Unidos, estando previsto que chegue ao noso país a partir do mes que vén.

Sobre o autor

Reply