No marco do CES 2025, Qualcomm deu un paso adiante na democratización da tecnoloxía ao presentar o Snapdragon X, un procesador deseñado para ordenadores Copilot+ no rango de prezo de 500 euros. Un novo chip que promete levar a potencia e as capacidades da intelixencia artificial (IA) a unha maior audiencia, combinando rendemento avanzado, eficiencia enerxética e un prezo accesíbel.
Este novo procesador, coñecido oficialmente como Snapdragon X1-26-100, únese ás liñas X Plus e Elite de Qualcomm, e destaca por estes tres apectos:
- Rendemento sólido e consistente: Oito núcleos con frecuencia de 3.0GHz, igual número de núcleos e GPU que o modelo X Plus máis avanzado, pero cunha frecuencia algo inferior.
- Capacidades gráficas impresionantes: A GPU integrada pode manexar até tres monitores 4K a 60Hz ou dúas pantallas 5K a 60Hz/4K a 120Hz, o que fai que sexa axeitado para tarefas de alto rendemento.
- Intelixencia artificial avanzada: A NPU con 45 TOPS garante unha xestión eficiente de tarefas baseadas en IA, como a optimización do fluxo de traballo ou a simplificación de procesos complexos.
Ademais, o Snapdragon X inclúe soporte para Wi-Fi 7, conectividade opcional 5G, e capacidade de transmisión en 4K HDR, consolidándoo como unha solución moderna para as necesidades dixitais actuais.
Comparación entre o Snapdragon X e X Plus
Como podemos ver na seguinte táboa, aínda que a frecuencia do procesador é inferior, mantéñense as capacidades gráficas e de IA, asegurando un rendemento notábel para multitarefa e tarefas profesionais.
Característica | X1P-42-100 (X Plus) | X1-26-100 (X) |
---|---|---|
Núcleos | 8 | 8 |
Frecuencia | 3.4GHz | 3.0GHz |
Caché | 30MB | 30MB |
GPU | 1.7 TFLOPS | 1.7 TFLOPS |
NPU | 45 TOPS | 45 TOPS |
Memoria | LPDDR5x-8448 | LPDDR5x-8448 |
Primeiros dispositivos no CES
Os primeiros PCs con Snapdragon X estanse a dar a coñecer esta semana durante o CES 2025, marcando o inicio dunha nova xeración de dispositivos máis accesíbeis que non comprometen o rendemento. Qualcomm planea ademais expandir os seus chips ARM a novos formatos.
A combinación de prezo accesíbel e capacidades premium fai que os ordenadores con Snapdragon X sexan unha opción interesante tanto para o estudantando como os dispositivos do fogar de rango medio.