Dreame, coñecida polas súas solucións para fogares intelixentes, sorprendeu neste CES 2025 coa presentación das súas tecnoloxías de vangarda que redefinen o estándar da limpeza doméstica. Entre os seus anuncios máis destacados figuran o revolucionario brazo robótico biónico articulado e a base de substitución automática de mopas, ademais de dúas innovadoras funcións incorporadas na serie X50: o sistema ProLeap e o sistema de navegación VersaLift.
Serie X50: intelixencia e eficiencia na limpeza
A nova serie premium X50 chega para simplificar e optimizar a limpeza do fogar grazas a tecnoloxías que integran intelixencia artificial e deseño funcional.
O sistema ProLeap, que foi presentando o pasado mes de setembro na IFA de Berlín, chega ao mercado cunha funcionalidade única: dúas patas retráctiles que elevan o robot aspirador para superar obstáculos de até 6 cm de altura. Esta innovación permite acceder a zonas difíciles como baños, cociñas ou balcóns, garantindo unha limpeza completa e sen interrupcións. Ademais, coa súa durabilidade de ata 30.000 ciclos, ProLeap asegura un rendemento constante a longo prazo.
Por outra banda temos VersaLift. Trátase do primeiro sistema de navegación con sensor DToF regulable que combina visión 3D, imaxes RGB e intelixencia artificial. Grazas á súa altura mínima de 8,9 cm, este sistema permite limpar eficientemente baixo mobles moi baixos, mentres que a cámara con iluminación LED e láser de dobre liña detecta obstáculos con gran precisión.
Un brazo robótico biónico articulado para maior precisión
O brazo robótico biónico articulado de Dreame representa un salto tecnolóxico na limpeza de precisión. Equipado cun motor de catro articulacións, pode estenderse ata 30 cm e levantar obxectos de até 400 g, como zapatos ou xoguetes, eliminando a necesidade de esforzos manuais.
Ademais, grazas ao recoñecemento de obxectos con IA e unha cámara RGB de 360°, este brazo é capaz de identificar obxectos, interactuar con mascotas e supervisar a limpeza desde diferentes ángulos. A súa versatilidade amplíase coa posibilidade de seleccionar ferramentas como cepillos ou esponxas para tarefas específicas.
Base de substitución de mopas
Dreame abordou a problemática da contaminación cruzada entre habitacións coa súa nova base de substitución de mopas. Este sistema intelixente pode albergar até tres pares de mopas e intercambialas automaticamente para adaptarse ás necesidades de cada espazo, desde a limpeza de manchas de graxa até residuos de mascotas.
A base garante resultados uniformes e evita a propagación de xermes ao substituír as mopas sucias durante o proceso de limpeza.
Lanzamento e dispoñibilidade
Dreame planea o lanzamento do brazo robótico biónico articulado e da base de substitución de mopas a finais de 2025, mentres que a serie X50, equipada cos sistemas ProLeap e VersaLift, estará dispoñíbel proximamente.