Xiaomi anuncia a nova serie POCO X7, que inclúe unha edición especial inspirada en Iron Man

Xiaomi anunciou onte unha nova gama de dispositivos co lanzamento da serie POCO X7, que inclúe o POCO X7, o POCO X7 Pro e unha edición especial inspirada no icónico Iron Man. Esta nova serie combina tecnoloxía avanzada, deseño exclusivo e funcionalidades que marcan un novo estándar en smartphones de gama media.

POCO X7

O primeiro modelo da serie, o POCO X7, destaca por incorporar un procesador Dimensity 7300-Ultra de Mediaetk, que ofrece eficiencia enerxética e multitarefa fluída. Con 8 núcleos e unha puntuación de 704,404 en AnTuTu, este dispositivo é perfecto para tarefas intensivas como xogos e edición de vídeo. Ademais, admite unha expansión de RAM de ata 24 GB (12 + 12 GB virtuais), mellorando aínda máis a experiencia multitarefa.

Conta cunha pantalla AMOLED CrystalRes de 6,67 polgadas a 1,5K con 120 Hz de refresco, ideal para unha experiencia visual vibrante e fluída. A batería de 5.110 mAh proporciona unha gran autonomía, mentres que a tecnoloxía de carga turbo de 45 W permite cargar o dispositivo rapidamente.

POCO X7 Pro

Pola súa banda, o POCO X7 Pro inclúe un procesador Dimensity 8400-Ultra, que introduce un deseño All-Big-Core e un rendemento IA un 50 % superior respecto ao seu predecesor. Este chip permite executar xogos esixentes sen ver comprometido o seu rendemento.

A pantalla AMOLED CrystalRes de 6,67 polgadas ofrece un brillo máximo de 3.200 nits e unha frecuencia de mostreo táctil de 2.560 Hz, garantindo unha interacción responsiva. Ademais, a súa batería de 6.000 mAh, a maior capacidade na historia de POCO, combínase cunha carga rápida de 90 W que permite unha carga completa en só 42 minutos.

O sistema de refrixeración LiquidCool Technology 4.0 mantén o rendemento baixo control mesmo nas sesións máis intensas. Ademais, o sistema de cámara Sony IMX882 de 50 MP con OIS asegura capturas vibrantes e detalladas, mesmo en condicións de pouca luz.

POCO X7 Pro – Iron Man Edition

Inspirado no heroe de Marvel, esta edición especial presenta un deseño único con detalles en relevo 3D, acentos dourados e un acabado en vermello profundo. Inclúe un Reactor Arc iluminado e unha experiencia de usuario personalizada coas animacións e cores características de Iron Man.

O empaquetado exclusivo e os accesorios personalizados, como unha funda de coiro sintético e un eyector SIM inspirado no Reactor Arc, fan desta edición un verdadeiro tesouro para coleccionistas e amantes da tecnoloxía.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos modelos de Xiaomi chegan ao mercado de forma inmediata, estando dispoñíbeis a través da web mi.com e Amazon, agás a versión exclusiva Iron Man, que só chega á tenda oficial de Xiaomi.

  • Poco X7. O modelo base parte dos 299 € na versión de 8 + 256 GB, e ten unha versión de 349 € que inclúe 12 +512 GB de capacidade.
  • Poco X7 Pro. A versión Pro custa 369 € na versión de 8 + 256 GB; 399 € con 12 + 256 GB e 429 € con 12 + 512 GB.
  • Poco X7 Pro – Iron Man Edition. Ten un prezo único de 449 €, e está dispoñíbel exclusivamente en 12 +512 GB.

Como promoción de lanzamento Xiaomi ofrece unha oferta especial na que desconta directamente 50 € nos prezos anteriormente citados e inclúe un agasallo adicional, como pode ser un cargador de 120 W ou uns auriculares sen fíos Xiaomi Buds 5.

Máis info | Xiaomi

Sobre o autor

Reply