Amazon prepara a chegada inminente do seu proxecto de internet satelital Project Kuiper, tras recibir autorización do goberno para operar no noso país. Este servizo competirá directamente con Starlink, de Elon Musk, e promete revolucionar a conectividade en áreas rurais e desatendidas grazas á súa tecnoloxía de satélites de órbita baixa (LEO).
Project Kuiper busca ofrecer conexión a internet de alta velocidade a comunidades que, até o momento, carecen de servizos fiábeis. Segundo Amazon, máis de 3.200 satélites formarán parte desta constelación, orbitando entre 590 e 630 quilómetros sobre a Terra. Esta proximidade permite velocidades de conexión ideais para videoconferencias, gaming e streaming en alta definición, superando as limitacións das infraestruturas tradicionais.
A iniciativa tamén se dirixe a escolas, hospitais e empresas situadas en áreas remotas que requiren solucións de conectividade resistentes e flexíbeis.
Velocidades para diferentes necesidades
Amazon deseñou tres modelos de receptores para as usuarias finais, que equilibran rendemento e asequibilidade:
- Modelo ultracompacto: permite velocidades de até 100 Mbps, sendo apropiado para uso doméstico básico.
- Modelo estándar: velocidades de até 400 Mbps, axeitado para familias e profesionais.
- Modelo avanzado: ofrece ata 1 Gbps, pensado para empresas, gobernos e grandes aplicacións industriais.

Prezos e dispoñibilidade aínda por determinar
Amazon aínda non anunciou os detalles sobre os custos do servizo no noso país, pero asegurou que a asequibilidade será un principio clave. Baseándose na súa experiencia con dispositivos accesíbeis como Echo Dot e Fire TV Stick, Amazon planea ofrecer prezos competitivos que amplíen o acceso á banda ancha en todo o país.
Espérase que o servizo comece a operar a finais de 2025, despois do despregamento inicial dos satélites de Project Kuiper. Amazon está actualmente estudando as mellores localizacións para as súas instalacións no país, co obxectivo de comezar canto antes a ofrecer un servizo que promete ser transformador para moitas comunidades.
Máis info | Amazon Kuiper
