HP vén de entrar no espazo dos monitores intelixentes cunha aposta revolucionaria: o HP Omen 32x Smart Gaming Monitor, presentado no CES 2025. Este dispositivo non só destaca como un monitor gaming de alta calidade, senón que tamén funciona como un centro de streaming grazas á integración de Google TV. Estará dispoñíbel en abril por 749,99 dólares.
Este monitor está equipado cunha pantalla 4K IPS de 31,5 polgadas, con taxa de refresco de 144Hz e tempo de resposta de 1ms e 400 nits de brillo máximo, sendo ademais compatíbel con DisplayHDR 400 e Dolby Vision. Ofrece tamén cobertura do 95% do espazo de cor Display P3 e o 99% do sRGB, ideal para cores vivas e precisas, así como soporte para G-Sync e FreeSync Premium, asegurando un rendemento fluído en xogos.
Na liña de outros produtos similares da competencia, a conectividade é completa, con portos DisplayPort 1.4, HDMI 2.1, USB-C con Power Delivery de 65W, USB-A 2.0 para periféricos, saída de audio de 3,5mm e ata catro altofalantes integrados de 3W. Ademais, inclúe un porto Ethernet para conexións máis estábeis.
Google TV integrado
Máis aló das súas especificacións técnicas, o que realmente fai destacar ao Omen 32x é a integración de Google TV.
Grazas a esta función, as usuarias poden acceder a recomendacións personalizadas baseadas no historial de visualización, control por comandos de voz a través de Google Assistant e compatibilidade para cast de contidos desde aplicacións móbiles compatíbeis.
Funcionalidades únicas para creadoras e xogadoras
HP incorporou ao Omen 32x capacidades novidosas, como:
- Streaming nativo multiplataforma a catro destinos (Twitch, YouTube, Instagram, etc.) sen necesidade de hardware adicional.
- Posibilidade de transmitir dúas fontes de webcam xunto co contido en pantalla.
- Función de espello de smartphones Android en modo escritorio, permitindo o uso de varias xanelas mentres se xoga.
- KVM sen fíos, que permite controlar todos os dispositivos cun único teclado e rato.
Nova xeración de monitores G2
Ademais do Omen 32x, HP tamén presentou a súa liña actualizada de monitores G2, que inclúe un modelo de 34 polgadas ultrawide e tres de 27 polgadas:
- Omen 34c G2: pantalla curva ultrawide (21:9) de 34 polgadas con WQHD, FreeSync Premium, DisplayHDR 400 e unha relación de contraste de 4.000:1. Dispoñíbel por 479,99 dólares.
- Monitores de 27 polgadas:
- Omen 27 G2: resolución 1080p, 249,99 dólares (chegará en maio).
- Omen 27q G2: resolución QHD, 299,99 dólares (dispoñíbel en abril).
- Omen 27qs G2: resolución QHD, 449,99 dólares (á venda en xuño), con pantalla IPS Black e unha taxa de refresco de 280Hz, unha primicia na liña.

Todos os modelos da serie G2 veñen calibrados de fábrca e ofrecen taxas de refresco melloradas, garantindo unha experiencia visual de primeiro nivel.
