Analizamos o Samsung Galaxy Book4 Pro 360, un portátil convertible que redefine a gama premium

O Samsung Galaxy Book4 Pro 360 chegou ao mercado co obxectivo de destacar no segmento dos portátiles convertíbeis, sendo unha das opcións máis completas do mercado actual. Cunha pantalla AMOLED de 16 polgadas, procesadores Intel Core Ultra e compatibilidade co S-Pen, este dispositivo promete un equilibrio perfecto entre potencia, flexibilidade e deseño premium. Tras analizar en profundidade todas as súas características, ofrecemos unha visión detallada do que este convertíbel pode ofrecer tanto para traballo como para o entretemento.

Deseño e acabados

O Galaxy Book4 Pro 360 é un deses dispositivos que impresiona desde o primeiro contacto. Está construído en aluminio mecanizado, ofrecendo un acabado premium tanto visual como táctil. Cun grosor de só 12,8 mm e un peso de 1,66 kg, é sorprendentemente lixeiro para un portátil de 16 polgadas, o que o fai cómodo de transportar.

O teclado retroiluminado inclúe un pad numérico e destaca pola súa estabilidade e resposta, aínda que o seu espazo parece reducido debido ao enorme touchpad. Este último é, sen dúbida, un dos mellores en experiencia de uso, ofrecendo precisión e compatibilidade perfecta con xestos, se ben os desprazamentos do dedo son elevados, respecto aos que facemos con outros dispositivos.

En canto á conectividade, o Galaxy Book4 Pro 360 está ben equipado en número de portos. Unha selección que inclúe no lateral esquerdo 2 portos USB-C con Thunderbolt 4 e 1 porto HDMI 2.1 (ideal para vídeo en 8K ou 5K a 120 Hz). E, do outro lado, no lateral dereito, 1 porto USB-A; ranura microSD e jack de auriculares.

As bisagras reforzadas permiten un rango de uso versátil, desde o modo portátil ata tablet, mantendo estabilidade en todas as posicións. Consegue ademais, que teña unha rixidez óptima, que ofrece o punto exacto entre a resistencia a cambiar de posición e achegar seguridade.

O último punto a destacar no seu deseño son os seus marcos, relativamente finos nos laterais e na parte superior, e bastante máis ancho na parte inferior. Imaxinamos que se trata dunha solución para integrar compoñentes ou o xogo da bisagra, mais a súa reducción faría que o dispositivo puidese ser algo máis compacto.

Hardware e rendemento

Equipado con procesadores Intel Core Ultra 5 ou 7, gráficos Intel Arc e ata 32 GB de RAM, o Galaxy Book4 Pro 360 é unha máquina preparada para o día a día. No noso caso probamos o modelo co procesador Intel Core Ultra 155H con 16 GB de RAM e 1 TB de memoria SSD. Resultou ser un equipo máis que suficiente para traballar a gusto e levar a cabo tarefas como labores ofimáticas, edición de fotos e vídeo básico, e navegación fluída.

Con todo, a falta dunha GPU dedicada limita o seu rendemento en tarefas máis intensivas como edición de vídeo avanzada ou xogos esixentes. Aínda así, a súa arquitectura de procesadores Ultra permite un bo manexo de tarefas multitarefa grazas á alta eficiencia enerxética e á súa capacidade de xestión de calor.

A lista de características hardware complétase coa incorporación de Bluetooth 5.3 e WiFi 6E, o que vén a ser a penúltima xeración dispoñíbel neste tipo de conectividades. Botamos en falta a existencia dunha versión con conectividade 5G, que de seguro resultaría de interese para moitas profesionais, pero que certamente é algo que aínda non se atopa facilmente no mercado dos ordenadores portátiles.

Pantalla e multimedia

Poderíamos dicir que como calquera produto de Samsung, o elemento máis destacado do Galaxy Book4 Pro 360 é a súa pantalla AMOLED táctil de 16 polgadas con resolución WQXGA+ (2880 x 1800 píxeles). Este panel ofrece cores vibrantes, contraste excelente e soporte para o S-Pen, permitindo un uso creativo e práctico.

A pantalla ten unha frecuencia de refresco de 120 Hz, garantindo unha experiencia visual fluída tanto en traballo como en entretemento. Grazas ao recubrimento Corning Gorilla Glass DX e á tecnoloxía Vision Booster, minimízanse os reflexos, mellorando a visibilidade tanto en interiores como en exteriores, algo no que tamén contribúen os seus 400 nits.

O sistema de son tamén é digno de mención. Os catro altofalantes AKG con soporte para Dolby Atmos proporcionan un son envolvente e nítido, ideal para reproducir contido multimedia, e que funciona sen distorsións cando nos movemos no rango até o 80% da súa potencia máxima.

Autonomía e batería

A batería de 76 Wh ofrece unha autonomía media de 6,5 a 7,5 horas en uso mixto, un rendemento decente para un portátil con pantalla AMOLED de gran tamaño. En tarefas menos esixentes, como reprodución de vídeo, a duración pode acadar sen esforzos as 10 horas.

O portátil inclúe un cargador USB-C de 65 W que permite unha carga rápida, aínda que a colocación dos dous portos de carga no mesmo lado pode ser inconveniente para algunhas usuarias. En calquera caso, unha cuestión menor.

Conclusións

Tras varias semanas probando o Samsung Galaxy Book4 Pro 360 como equipo de traballo base, podemos concluír que é unha excelente elección para quen busca un portátil convertíbel de gama alta con flexibilidade, potencia e unha pantalla de calidade superior. É perfecto para profesionais que precisen un dispositivo versátil tanto para traballo como para entretemento.

Con todo, non é ideal para aquelas usuarias que requiran rendemento extremo en tarefas gráficas ou xogos, nin seguramente tampouco para quen busca un equipo máis portábel. As 16 polgadas están moi ben para traballar nun posto medianamente fixo, se ben andar con el nunha mochila pode ser algo engorroso.

Malia estes pequenos detalles, o Galaxy Book4 Pro 360 compensa coas súas características innovadoras, como o S-Pen e a a pantalla AMOLED, converténdose nunha das opcións máis atractivas entre as que podemos atopar no segmento dos convertíbeis.

Sobre o autor

Reply