As usuarias de Lowi, a operadora de baixo custo de Vodafone, están de parabéns. A partir do 1 de febreiro de 2025, a compañía aplicará un aumento na franquía de datos nalgunha das súas tarifas móbiles sen ningún custo adicional para os usuarios. Un aumento que chega nun contexto de revivir a guerra comercial entre operadoras que se viviu anos atrás, facendo tarifas páis vantaxosas para fidelizar usuarias e captar nova clientela.
Máis datos sen mudar o prezo
A tarifa básica de Lowi, que vén incluíndo 25 GB, pasará agora a ofrecer 30 GB mensuais. O mellor de todo é que este incremento non implicará un aumento no custo da tarifa, manténdose nos 8 €/mes, un prezo que axuda a seguir competindo no mercado. De xeito análogo, o plan de 10 €/mes que inclúe 40 GB de datos pasará a contar con 70 GB.
Como vén sendo habitual, as usuarias non terán que facer nada para activar esta mellora, xa que os datos adicionais aplicaranse de forma automática a partir do 1 de febreiro. Segundo varias respostas da compañía nas redes sociais, podería haber outras tarifas que tamén vexan incrementados os seus datos.
Estratexia low-cost nun mercado cada vez máis competitivo
Este movemento encaixa na estratexia actual de moitas operadoras, que apostan por engadir valor ás súas tarifas sen incrementar custes, buscando destacar nun mercado altamente competitivo. No contexto de 2025, onde as necesidades de conexión seguen en aumento, estas melloras son un atractivo clave para as usuarias que buscan alternativas máis completas e accesíbeis.