Seguindo o camiño iniciado polo Nubia Flip do ano pasado, o fabricante chinés avanza nesa mesma dirección co lanzamento do Nubia Flip 2. Trátase dun dispositivo que combina deseño refinado e funcionalidades avanzadas, ofrecendo un prezo notabelmente inferior ao da maioría dos seus competidores. Presentado inicialmente en Xapón, espérase que este modelo debute no mercado global nas próximas semanas, cun anuncio que de seguro chega durante o Mobile World Congress (MWC) 2025 en Barcelona.
Melloras no deseño e na funcionalidade
O Nubia Flip 2 destaca por contar cun deseño renovado que abandona a pantalla circular externa do modelo anterior en favor dun panel rectangular de 3 polgadas, moito máis práctico e funcional para widgets e notificacións. O panel interior é un OLED flexíbek de 6,9 polgadas con resolución FHD+ (2.790 x 1.188 píxeles), ofrecendo unha experiencia visual envolvente e de alta calidade.
A estética tamén foi refinada con acabados en tres cores: negro, branco nácar e azul celeste. Destacan todos eles por ofrecer unha elegancia sinxela e moderna. A carcasa, lixeira e compacta, ofrece unha resistencia básica grazas á súa certificación IP42 contra salpicaduras e pó.
Características técnicas destacadas
No interior do dispositivo atopámonos co procesador MediaTek Dimensity 7300X de 4 nanómetros, que asegura un rendemento sólido para tarefas cotiás e multitarefa. Inclúe 6 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenamento interno, aínda que sen posibilidade de expansión.
A autonomía ofrécea unha batería de 4.300 mAh, compatíbel con carga rápida a través do porto USB tipo-C. Ademais, o dispositivo ofrece conectividade 5G con dobre SIM, lector de pegadas dixitais e son estéreo, para unha experiencia multimedia completa.

No apartado fotográfico, incorpora unha cámara frontal de 16 MP e un módulo traseiro dual con 50 MP (wide) e 2 MP (depth), que proporciona resultados máis que decentes para un dispositivo deste rango de prezo. Este está equipado ademais co flash en anel que caracteriza aos modelos deste fabricante, e que ofrece unha iluminación máis natural nas fotos de retrato.
Dispoñibilidade e prezo do Nubia Flip 2
O Nubia Flip 2 lanzarase inicialmente en Xapón o próximo 23 de xaneiro, cun prezo recomendado de 64.080 iens, equivalente a uns 399 euros ao cambio actual. Con este prezo, convértese no smartphone encartábel máis económico que podemos atopar do mercado, democratizando o acceso a esta tecnoloxía innovadora.
Mentres esperamos o anuncio do seu lanzamento global, o Nubia Flip 2 preséntase como unha opción ideal para quen quere experimentar a funcionalidade dun modelo encartábel sen comprometer o orzamento. Estaremos atentas ás novidades que Nubia poida revelar no MWC 2025.