Desde o seu lanzamento no ano 2013, Microsoft 365 -anteriormente coñecido como Office 365- foi engadindo novas funcionalidades para converterse nunha das ferramentas ofimáticas de referencia. Agora dá un paso máis, co integración de Copilot, o asistente de IA de Microsoft, e Designer, a ferramenta de edición gráfica. Unhas funcionalidades que están dispoñíbeis de forma automática, con suba de prezos incluída, para a subscritoras de mercados seleccionados, entre eles o galego.
Microsoft Copilot nas ferramentas Microsoft 365
Máis aló do seu uso independente como asistente de intelixencia artificial, Microsoft Copilot intégrase nas aplicacións de Microsoft 365, ofrecendo solucións personalizadas e optimizando tarefas cotiás. Deste modo, Microsoft aspira a que Copilot facilite o traballo diario, combinando a intelixencia artificial coas ferramentas de produtividade que xa coñecemos. Estas son algunhas das funcionalidades máis destacadas que poderemos aproveitar:
Automatización en Word
- Creación de documentos: Con Copilot, é posible xerar textos estruturados de calidade simplemente proporcionando unhas poucas indicacións. Por exemplo, se necesitamos unha receita personalizada, só teremos que indicar as nosas preferencias alimenticias, e o asistente crearanos un documento coas instrucións detalladas.
- Resumo de textos: Copilot pode identificar e condensar información clave en documentos extensos, facilitando o acceso rápido á información esencial.
Análise e optimización en Excel
- Análise de datos: Copilot pode analizar as nosas follas de cálculo e suxerir ideas ou melloras, desde identificar patróns ata ofrecer gráficas máis impactantes.
- Creación de orzamentos: Poderemos pedirlle axuda para organizar os nosos gastos e Copilot configurará modelos de orzamento adaptados ás nosas necesidades.
Presentacións en PowerPoint
- Xeración automática de presentacións: Ao indicar detalles básicos dun tema, Copilot pode deseñar unha presentación completa, incluíndo texto, diapositivas e deseños. Poderemos engadir imaxes ou outros contidos visuais despois para personalizalo máis.
- Suxestións de deseño: Mellora o impacto visual das nosas diapositivas con recomendacións de estilo baseadas no contido.
Organización en Outlook
- Xestión eficiente de correos electrónicos: Copilot pode resumir cadeas de correos longos, identificar os puntos clave e mesmo redactar respostas rápidas. Isto resulta especialmente útil cando precisamos recuperar o ritmo tras períodos de inactividade.
Organización persoal en OneNote
- Xestión de tarefas: Copilot organiza listas de tarefas e notas, axudándonos a estruturar proxectos e obxectivos persoais.
- Resumo e reestruturación de contidos: Mellora a organización das nosas notas ao reestruturar e priorizar información con suxestións automatizadas.
Microsoft Designer: creatividade simplificada
Ademais de Copilot, Microsoft inclúe a aplicación Designer en Microsoft 365, permitindo ás usuarias xerar e editar imaxes facilmente:
- Edición de fotos: elimina obxectos non desexados con tecnoloxía de IA.
- Creación visual: describe unha idea e Designer xera imaxes para complementar proxectos.
Esta integración está dispoñíbel tanto dentro de Word e PowerPoint como a través dunha aplicación independente para dispositivos móbiles e web.
Novos prezos e opcións de subscrición
Coa desculpa de integrar Copilot, Microsoft anuncia un incremento de 3 euros ao mes no prezo das subscricións. Unha suba que afectará ás subscritoras actuais a partir da súa próxima renovación.
Desde modo, o Plan persoal terá un prezo de 10 €/mes ou 99 € para pago anual, mentres que a versión Familia (até 6 usuarias) custará 13 €/mes ou 129 €/ano.