Simyo lanza o seu primeiro router 5G para ofrecer conexións fixas en calquera lugar

Simyo vén de incluír ao seu catálogo de dispositivos o primeiro router 5G. Trátase do Zowee FLYBOX 5G H153-381, un dispositivo compacto que ofrece velocidades de até 3,6 Gbps, grazas á conectividade WiFi 6. Unha solución versátil e sen complicacións para aquelas usuarias que buscan unha alternativa á fibra óptica.

Como é habitual neste tipo de dispositivos, como este de Vodafone que analizamos hai unhas semanas, o máis destacado é a total ausencia de instalacións. Tan só será necesario instalar a tarxeta nanoSIM para activar a conexión á rede móbil de Simyo, podendo acceder á rede 5G (ou 4G/3G no caso de non ter cobertura ás redes máis rápidas).

Entre as características principais deste dispositivo destaca a presenza de WiFi 6 de dobre banda ou o soporte de até 128 dispositivos de forma simultánea e sen perder estabilidade. Ademais incorpora un porto Gigabit Ethernet para quen prefira a conexión por cable, ideal tanto para conectar directamente a equipos de traballo, consolas, smartTVs ou sistemas de WiFi mesh que teñamos na casa.

Unha solución flexíbel para lugares sen fibra e segundas residencias

Solucións como as que ofrece Simyo con este router son axeitadas tanto para zonas que non dispoñen de cobertura de fibra óptica, pero si de móbil, ou para segundas residencias nas que se prefire apostar por unha solución máis sinxela. O seu deseño compacto e lixeiro, con tan só 440 gramos, facilita o transporte e a instalación en calquera lugar.

O router pódese adquirir na tenda en liña de Simyo cun pago único de 120 €. Pódese completar cunha tarifa de datos de Simyo, que ofrece plans como 200 GB de datos por 17 €, 80 GB por 11 € ou 40 GB por 7 €/mes.

Sobre o autor

Reply