Adamo, un dos operadores destacados por ofrecer Internet en zonas rurais e perirurbanas, decidiu renovar a súa oferta eliminando as tarifas de fibra de 400 Mbps. A partir de agora, o operador só ofrecerá conexións con 1 Gbps, un cambio que, segundo o operador, responde á demanda crecente de maior velocidade por parte das usuarias.
A compañía viña ofrecendo opcións moi atractivas, como a fibra de 400 Mbps combinada con móbil de 15 GB por tan só 19 euros ao mes. Un plan que permitía a moitas usuarias acceder a unha conexión estábel e económica. Porén, a compañía decidiu dar un paso adiante e concentrar a súa oferta na fibra de 1 Gbps, deixando atrás as opcións de velocidade intermedia.
Con este cambio, o portfolio de ofertas de Adamo queda configurado nun plan de fibra e combinacións de fibra móbil, todos eles equipados ademais cun router WiFi 6. Como curiosidade, o plan de só fibra custa o mesmo con ou sen unha liña móbil ilimitada de forma definitiva:
- Fibra 1 Gbps: 39 €/mes.
- Fibra 1 Gbps + 1 móbil (chamadas e datos ilimitados): 39 €/mes
Liñas móbiles adicionais, fixo e opcións de TV a combinar
O plan de Adamo pode ampliarse a medida das necesidades das usuarias, engadindo liñas móbiles adicionais ilimitadas en chamadas e datos por 5 €/mes cada unha; ou servizo de telefonía fixa con chamadas ilimitadas a fixos e 400 minutos a móbiles por 6 €/mes.
Ademais dispón de tres paquetes de TV: un básico con 100 canles por 3 €/mes que permite dúas reproducións simultáneas; un premium (110 canles, 3 dispositivos) por 6 €/mes e AdamoTV Total, con máis de 120 canles, cine Acontra+, LaLiga Hypermotion e 4 dispositivos por 12 €/mes.
Un movemento arriscado pero innovador
O cambio na política de prezos de Adamo reflicte a tendencia do mercado de telecomunicacións en España, onde as conexións de menor velocidade, como os 100 Mbps ou 300 Mbps, están desaparecendo paulatinamente en favor de velocidades máis altas.
Este movemento deixa fóra a aquelas usuarias que buscaban unha conexión máis económica e intermedia. Porén, tamén posiciona a Adamo como un operador que aposta polo alto rendemento e a última tecnoloxía, consolidando a velocidade de 1 Gbps como o novo estándar para a conectividade no fogar.