Samsung vén de presentar a nova familia de dispositivos Galaxy S25. Co seu anuncio oficial no Galaxy Unpacked de onte á tarde, o fabricante pon fin a semanas de filtracións, nas que puidemos non só ir descubrindo as súas características técnicas, senón tamén boa algúns dos segredos mellor gardados: os avances en solucións de intelixencia artificial (IA) que acompañan o ecosistema Galaxy AI que inauguraron os modelos do ano pasado.
Galaxy S25: unha aposta polo último en hardware
Seguindo a estela dos modelos anteriores, a serie Galaxy S25 chega en tres modelos: Galaxy S25, Galaxy S25+ e Galaxy S25 Ultra, ás que previsibelmente se sumará un Galaxy S25 Slim a mediados de ano. Os tres modelos presentados comparten moitas das características técnicas, aínda que tamén albergan diferencias, especialmente o modelo Ultra.
| Galaxy S25 | Galaxy S25+ | Galaxy S25 Ultra | |
| Pantalla | AMOLED 2X, taxa de refresco de 120 Hz, 2600 nits de brillo. Protección Gorilla Glass Victus 2. 6,2 polgadas (1080 x 2340 píxeles) | AMOLED 2X, taxa de refresco de 120 Hz, 2600 nits de brillo. Protección Gorilla Glass Victus 2. 6,7 polgadas (1440 x 3120 píxeles) | AMOLED 2X, taxa de refresco de 120 Hz, 2600 nits de brillo. Protección Gorilla Glass Armor. 6,8 polgadas (1440 x 3120 píxeles) |
| Procesador | Qualcomm Snapdragon 8 Elite | Qualcomm Snapdragon 8 Elite | Qualcomm Snapdragon 8 Elite |
| RAM / memoria interna | 12 + 128 GB 12 + 256 GB 12 + 512 GB | 12 + 256 GB 12 + 512 GB | 12 + 256 GB 16 + 512 GB 16 GB + 1 TB |
| Cámara traseira | 50 MP + 10 MP (telefoto) + 12 MP (gran angular) | 50 MP + 10 MP (telefoto) + 12 MP (gran angular) | 200 MP + 10 MP (telefoto) + 50 MP (telefoto periscópico) + 50 MP (ultra gran angular) |
| Cámara frontal | 12 MP | 12 MP | 12 MP |
| Conectividade | WiFi 6E, Bluetooth 5.4, NFC, 5G | WiFi 6E, Bluetooth 5.4, NFC, 5G | WiFi 7, Bluetooth 5.3, NFC, 5G |
| Batería | 5000 mAh (carga rápida 45W por cable e 25W sen fíos) | 4900 mAh (carga rápida 45W por cable e 15W sen fíos) | 4000 mAh (carga rápida 25W por cable e 15W sen fíos) |
| Protección IP | 68 | 68 | 68 |
| Outros | Grosor 7,2 mm | Grosor 7,3 mm | Grosor 8,2 mm S-Pen |
Como pode apreciarse no cadro anterior, os tres dispositivos teñen moitos puntos en común, como as características de pantalla ou o procesador que integran. Se ben os modelos S25 e S25+ resultan practicamente unha adaptada a diferentes gustos polo tamaño do panel, o Galaxy S25 Ultra vai sempre un paso por diante, con melloras substancións que van desde a cámara principal ao soporte para WiFi 7, pasando tamén pola presenza do S-Pen.

Serie Galaxy S25: o mellor está no software
Máis aló dunha folla de especificacións á altura do que se pode esperar en hardware, os principais avances dos Samsung Galaxy S25 chean no software da man de One UI 7. Trátase da nova versión da capa de personalización de Samsung, baseada en Android 15, e que por fin chega ás usuarias da compañía.

As súas principais novidades teñen á IA como protagonista. Entre eles, un resumo de mañá chamado “Now Brief”, que se pode activar desde a pantalla de bloqueo e que nos avanzará información que poida resultarnos útil durante o día.

Outra das novidades é unha maior integración con Gemini nas apps de Samsung, confirmando esas boas relacións entre o fabricante surcoreano e Google. Se o ano pasado vimos como esta colaboración levaba Circle to Search primeiro ás usuarias de Samsung, nos Galaxy S25 a IA de Google intégrase coa app de mensaxería de Samsung, multiplicando as posibilidades do trebello.
E, por suposto, non podemos esquecernos da fotografía. Samsung mellora os resultados da cámara con Nightography, que permite gravar vídeos de noite con gran calidade e contraste. Ademais, co editor de vídeo, pódense eliminar mediante IA sons como o vento ou outros ruídos que poidan afectar á nosa creación.
Primeiras impresións da nova familia Galaxy S25
Durante o Galaxy Unpacked puidemos ter un primeiro achegamento aos novos Galaxy S25, que reafirman a Samsung como líder en innovación tecnolóxica no segmento premium. A serie introduce melloras significativas sen perder a esencia que caracteriza á liña Galaxy: unha construcion de calidade, un rendemento de alto nivel e unha experiencia de usuario refinada.

Un dos puntos máis destacados é, sen dúbida, o Galaxy S25 Ultra, que eleva o listón cun sistema de cámaras espectacular. O seu sensor principal de 200 MP e as funcionalidades avanzadas como o telefoto periscópico ofrecen unha experiencia fotográfica que pode rivalizar con cámaras profesionais. Ademais, a súa conectividade WiFi 7 e a compatibilidade co S-Pen fano un dispositivo único para aqeulas persoas que buscan versatilidade e tecnoloxía de vangarda.
En conxunto, a familia Galaxy S25 promete satisfacer as expectativas tanto de usuarias avanzadas como de quen busque unha experiencia de gama alta sen concesións. O equilibrio entre deseño, rendemento e innovación sitúa a serie como unha das máis competitivas no mercado actual, deixando unha excelente primeira impresión.

Dispoñibilidade e prezo dos novos Galaxy S25
A nova serie Galaxy S25 está dispoñíbel en prerreserva desde hoxe mesmo no noso país, e porase á venda o 7 de febreiro cos seguintes prezos de partida:
- Galaxy S25: 909 € (gris, azul mariño, azul e menta)
- Galaxy S25+: 1159 € (gris, azul mariño, azul e menta)
- Galaxy S25 Ultra: 1459 € (azul, negro, prata, gris)
Como vén sendo habitual, a compañía ofrece unha campaña de remuda que permite aforrar importantes cantidades (até 880 €) se entregamos un dispositivo anterior da marca ou outros modelos valorables.
