Brasil levará Internet ao corazón do Amazonas cun proxecto pioneiro de fibra óptica

O Goberno do Brasil deu comezo a un ambicioso proxecto de conectividade que revolucionará a vida no corazón do maior bosque tropical do planeta. O executivo presidido por Lula da Silva está a instalar máis de 1.100 quilómetros de cables de fibra óptica baixo o río Amazonas, unha infraestrutura sen precedentes que beneficiará arredor de 370.000 persoas en 13 comunidades de difícil acceso.

Cun investimento de preto de 43 millóns de euros, este proxecto sitúase entre as principais iniciativas de conectividade a nivel global. A gran novidade reside no método empregado: os cables están sendo instalados por medio dunha plataforma flotante, acoplada a dous remolcadores, que evita a necesidade de levantar postes ou talar árbores. Este deseño sostíbel permitirá que a fibra óptica, feita para durar ata 25 anos, conviva de maneira respectuosa co medio ambiente.

A denominada “infovía” beneficiará a importantes puntos estratéxicos da rexión, incluíndo 85 escolas, 13 hospitais, 8 centros de investigación e prazas públicas con Internet WiFi de balde. Deste modo, o goberno brasileiro pretende mellorar a o acceso ás ferramentas educativas, a capacidade de resposta sanitaria e o desenvolvemento científico no Amazonas.

Ademais, esta infraestrutura permitirá que as operadoras ofrezan paquetes de internet máis económicos, reducindo a fenda dixital e facilitando a inclusión tecnolóxica das comunidades locais.

Con esta iniciativa, Brasil demostra que é posible apostar pola innovación tecnolóxica e a sustentabilidade, abrindo unha nova porta cara ao futuro dixital nas zonas máis afastadas do planeta.

Sobre o autor

Reply