Tras a fibra, MasOrange e Vodafone estarían valorando integrar as súas redes móbiles

Tras o éxito inicial da súa colaboración na empresa de fibra óptica, MasOrange e Vodafone poderían estar a traballar nun novo proxecto conxunto. Segundo revelou o diario económico Expansión, ambas operadoras estarían nos primeiros pasos para crear unha nova entidade que integre as súas redes móbiles, aproveitando as sinerxías e reducindo custos. Esta iniciativa, aínda na súa fase inicial, podería marcar un cambio significativo no panorama das telecomunicacións do Estado.

Este novo proxecto chega despois do acordo para a creación dunha fiberco, unha empresa conxunta de fibra que conta cunha ampla cobertura no Estdao. Actualmente, ambas as compañías están enfocadas en atraer un socio financeiro para a súa empresa de fibra, unha operación que -como xa avanzamos- está valorada nuns 4.500 millóns de euros, o que proporcionará os recursos necesarios para avanzar en novas iniciativas.

Se este proxecto de redes móbiles segue o modelo da fiberco, MasOrange e Vodafone buscarán un socio financeiro que adquira unha participación minoritaria, permitindo ás operadoras manter o control sobre a nova entidade. Este enfoque combinaría a creación de valor coa captación de fondos, axudando a ambas compañías a reducir débedas e reforzar as súas posicións no mercado.

Vantaxes da integración das redes móbiles

A creación dunha empresa conxunta de redes móbiles permitiría ás dúas operadoras reducir custos significativamente, especialmente en alugueiros de torres e xestión de frecuencias. Tamén se rebaixarían os custos de mantemento dos equipos.

Ademais, a integración das súas redes garantiría unha maior eficiencia operativa e un mellor aproveitamento dos recursos, que podería beneficiar sensibelmente ás usuarias de ambas compañías. Porén, no ámbito laboral, tamén podería traer consigo unha redución do persoal necesario para mantemento das redes.

Os precedentes e o futuro das telecomunicacións móbiles

A idea de crear empresas conxuntas para integrar redes móbiles non é novidosa, e xa foi probada noutros países con resultados positivos. Nalgúns mercados europeos, operadoras como Orange, Deutsche Telekom e Vodafone puxeron en marcha proxectos similares, reducindo custos e mellorando a cobertura en áreas rurais e urbanas. Estas experiencias suxiren que este modelo podería replicarse con éxito en España.

Aínda que este proxecto está nos seus primeiros pasos, representa un movemento estratéxico nun sector onde as colaboracións e as sinerxías entre competidores directos son cada vez máis frecuentes. A combinación de redes móbiles por parte de MasOrange e Vodafone podería reforzar a súa posición no mercado fronte á competencia de novos actores e aos retos do segmento low-cost.

En calquera caso, o éxito desta iniciativa dependerá da capacidade de ambas as operadoras para xestionar as diferencias estratéxicas e acadar un equilibrio de poder na nova entidade.

Sobre o autor

Reply