A Coruña acelera cara á mobilidade eléctrica, duplicando o uso deste tipo de vehículos

A mobilidade na Coruña está a vivir unha transformación, cun incremento notábel do uso de vehículos eléctricos e alternativas sostíbeis como os patinetes e bicicletas eléctricas. Segundo datos do Foro de Mobilidade de Alphabet (Grupo BMW), o uso do coche eléctrico na cidade herculina duplicouse en só un ano, pasando dun 7% en 2023 a un 15% en 2024.

O coche eléctrico gaña terreno na Coruña

O interese polos vehículos sostíbeis segue en ascenso, e os datos falan por si sós: o 27% das coruñesas xa pensa en mercar un coche totalmente eléctrico, seis puntos máis ca o ano pasado. Ademais, case a metade (49%) afirma que estarían dispostos a pagar máis por un eléctrico ca por un de combustión. A pesar destes avances, só un 38% considera que os eléctricos son a mellor opción para a mobilidade urbana, unha cifra que segue por baixo da media estatal (43%).

A inflación tamén está a xogar un papel clave na mobilidade. O 65% das habitantes da Coruña adaptou os seus hábitos de transporte debido á suba de prezos, reducindo o uso do coche privado e apostando por opcións máis económicas como o transporte público, os patinetes ou as bicicletas eléctricas.

Micromobilidade e carsharing: opcións cada vez máis populares

O transporte alternativo segue medrando na Coruña. O uso do patinete eléctrico pasou do 5% en 2023 ao 12% en 2024, mentres que as bicicletas eléctricas xa as empregan un 15% das cidadás. Ademais, cada vez hai unha maior percepción de convivencia entre os diferentes modos de transporte urbano: o 59% das coruñesas considera que a cidade está ben adaptada á nova mobilidade, fronte ao 43% do ano pasado.

Outro servizo en auxe é o carsharing, que xa é utilizado polo 40% das coruñesas, oito puntos máis ca en 2023. Os motivos principais para compartir coche son o aforro económico (63%) e a comodidade (31%). A maioría das usuarias (73%) fan uso desta modalidade coas súas amizades, familiares ou compañeiras de traballo.

Zonas de baixas emisións: unha medida cada vez máis aceptada

A implantación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) na Coruña xerou un maior grao de coñecemento e aceptación entre a poboación. Se en 2023 só o 60% das coruñesas estaban familiarizadas coa medida, agora son xa o 72%. Ademais, o 70% apoia a súa implantación, aínda que un terzo das persoas enquisadas matizan que só o fai se non afecta á súa mobilidade.

A pesar destas cifras, a percepción do impacto real das ZBE segue dividida: o 66% das cidadás afirma non notar cambios na calidade da mobilidade urbana tras a súa posta en marcha.

Sobre o autor

Reply