O operador neutro de fibra óptica Onivia xa é o máis grande do Estado en volume de unidades inmobiliarias ás que dá acceso. A compañía, creada en 2019 polos fondos Macquarie, Arjun e Aberdeen, ampliou a súa cobertura até os 10,2 millóns de fogares, consolidando a súa posición como actor clave no sector das telecomunicacións.
Crecemento acelerado pola compra da rede de Digi
Até hai uns meses, Onivia contaba cunha cobertura de 3,5 millóns de fogares en 1.059 localidades, acadando a máis de 9 millóns de persoas. Porén, en abril de 2024 anunciou un movemento estratéxico de gran envergadura: a compra dun 63% da rede de fibra de Digi, concretamente a súa infraestrutura Smart, que supuña 6 millóns de fogares con cobertura directa.
A primeira fase da operación executouse en setembro, cando 4,4 millóns de fogares en Madrid, Segovia, Ávila, Castela-A Mancha, a Comunidade Valenciana e Murcia pasaron a formar parte da rede de Onivia. Nos próximos tres anos, Digi traspasará os 1,6 millóns de fogares restantes, aumentando aínda máis o alcance da rede neutra de Onivia.
Como operador de fibra neutra, Onivia non ofrece servizos directamente ás usuarias finais, senón que pon a súa infraestrutura ao dispor de outras operadoras. Até o de agora, Digi tiña un control total sobre a súa fibra Smart, pero agora debe competir con outras compañías que tamén poden utilizar esta rede para ofrecer os seus servizos de internet.
Onivia conta con tres modelos de colaboración para os operadores interesados en utilizar a súa rede: Impulsa Bitstream (dirixida a operadores rexionais), Integra Bitstream (enfocada en grandes operadoras nacionais) e Hogar Conectado (pensado para marcas brancas que buscan un servizo integral, incluíndo router, tarxetas SIM e acceso a internet).
Digi segue sendo cliente de Onivia, e o acordo que teñen fará que tamén sexa a empresa encargada do mantemento da infraestrutura a longo prazo, garantindo así a continuidade do servizo para a súa clientela actual.
Novo mapa de cobertura de Onivia
Coas cifras actualizadas, Onivia xa cobre 10,2 millóns de fogares en 1.400 localidades e 21,9 millóns de habitantes en todo o Estado. Este movemento reforza a súa posición como o maior operador de fibra neutra do Estado, superando outras alternativas.
A tendencia da fibra neutra está a gañar cada vez máis protagonismo no noso país, permitindo que diferentes operadoras poidan ofrecer servizos sen necesidade de despregar a súa propia infraestrutura. O crecemento de Onivia confirma este modelo como unha opción viábel para a expansión da conectividade, garantindo unha maior competencia e mellores opcións para as consumidoras.
Pero digi vai seguir despregando fibra? Non sei se isto son boas noticias para o segmento low cost…
O último que dixeron é que si, aínda que xestionada a través da nova operadora.