Desde os Estados Unidos chegan as primeiras informacións que apuntan a que Google estaría a experimentar cunha nova modalidade de contratación que combina YouTube Premium e Google One nun mesmo paquete, ofrecendo un desconto para aqueles que decidan subscribirse a ambos servizos ao mesmo tempo. Segundo varias mensaxes que se poden atopar en X (antigo Twitter), esta opción xa estaría dispoñíbel nos EEUU en fase de probas, aínda que se descoñece cando podería chegar a outros mercados.
Aforro do 14% nas subscricións conxuntas
A principal vantaxe deste novo paquete conxunto sería o aforro económico. As primeiras imaxes filtradas apuntan a que a contratación conxunta de YouTube Premium e Google One suporía un desconto do 14% sobre o prezo habitual de ambos servizos por separado. Aínda que non é unha rebaixa excesiva, permitiría aforrar un par de euros ao mes, o que a longo prazo podería facer máis atractivo subscribirse aos dous servizos.
Tanto YouTube Premium como Google One convertéronse en servizos esenciais para moitas usuarias. Por unha banda, YouTube Premium permite gozar de vídeos sen anuncios, reprodución en segundo plano e acceso a YouTube Music. E, pola outra, Google One amplía o espazo de almacenaxe compartida entre en Google Drive, Gmail e Google Fotos, ademais de ofrecer outras vantaxes.
Dispoñibilidade da subscrición conxunta
Polo de agora esta oferta conxunta está dispoñíbel unicamente nos Estados Unidos. Porén, é de esperar que chegue a outras localizacións, incluída a nosa, xa que é habitual que Google realice probas nese país antes de expandir as súas novas opcións a nivel global.
Polo de agora tócanos agardar a un anuncio oficial por parte de Google para confirmar a súa dispoñibilidade global e os prezos ou descontos definitivos que ese novo paquete combinado terá que Galiza.