Indra faise con Hispasat e crea Indra Space, para competir con Starlink e Amazon

O sector das telecomunicacións por satélite no Estado español vén de vivir un movemento estratéxico coa adquisición o 89,68% de Hispasat por Indra Group. Con el, Indra dá un paso adiante na súa aposta polo espazo, e crea Indra Space, unha nova división que competirá con grandes actores como Starlink (SpaceX) e Project Kuiper (Amazon) no mercado das telecomunicacións satelitais.

A compra de Hispasat supón unha forte aposta pola innovación e o desenvolvemento das telecomunicacións satelitais en España. A operación, valorada en 725 millóns de euros, permite a Indra consolidarse como un actor clave no sector, aproveitando a experiencia de Hispasat na xestión de servizos por satélite, tanto para uso civil como militar.

Hispasat leva anos proporcionando servizos de conexión a áreas remotas, televisión e satelital e comunicacións para o exército español. Recentemente, lanzou SpainSat, un satélite especializado en comunicacións seguras para as forzas armadas. A integración de Hispasat dentro de Indra Space reflicte o interese do Goberno español en fortalecer a súa infraestrutura estratéxica no espazo, xa que a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) controla un 28 % de Indra.

Até o de agora, o mercado dos servizos de Internet por satélite estaba dominado por compañías estadounidenses como SpaceX, Amazon e OneWeb. Con Indra Space, o Estado español busca situarse como un referente europeo en telecomunicacións satelitais, ofrecendo unha alternativa fronte ás grandes multinacionais.

A nova división integrará tamén Deimos e Hisdesat, dúas compañías adquiridas recentemente por Indra, especializadas na xestión de satélites e proxectos espaciais. O obxectivo final é crear unha constelación propia de satélites que permita ofrecer servizos de conectividade en calquera parte do mundo, tanto a nivel comercial como gubernamental.

A compra de Hispasat por parte de Indra podería supór un salto cualitativo no acceso a internet en zonas rurais e illadas, reducindo a fenda dixital que aínda existe no Estado español, e nomeadamente en partes de Galiza. Ademais, o desenvolvemento dunha rede satelital propia podería garantir unha maior independencia tecnolóxica para o país e unha maior seguridade nas comunicacións militares e institucionais.

Sobre o autor

Reply