Realme continúa a súa expansión no mercado global da telefonía móbil cunha aposta innovadora que promete marcar a diferenza. A compañía chinesa estrearase no Mobile World Congress (MWC) 2025, onde presentará por primeira vez un dos seus buques insignia, o realme 14 Pro. Este dispositivo non só destaca polas súas especificacións de alta gama, senón que incorpora unha tecnoloxía revolucionaria que lle permite cambiar de cor segundo a temperatura.
Un deseño único e pioneiro no sector
A marca confirmou oficialmente que o realme 14 Pro será presentado no MWC de Barcelona o próximo 4 de marzo, consolidándose como un dos lanzamentos máis esperados do evento. A súa principal novidade é un sistema de cambio de cor sensíbel co frío, unha tecnoloxía desenvolvida en colaboración co recoñecido estudonórdico Valeur Designers.
Esta innovación permite que a parte traseira do dispositivo pase do branco perla a un azul vibrante cando a temperatura descende dos 16 graos, xerando un efecto camaleónico inspirado nas cunhcas mariñas. Para conseguilo, realme utilizou pigmentos termocrómicos avanzados que reaccionan aos cambios de temperatura, ofrecendo unha experiencia de personalización única.
Especificacións do realme 14 Pro
Máis aló do seu deseño innovador, o realme 14 Pro promete un rendemento á altura da gama alta grazas a unha folla de características que foi descubríndose nos últimos días.
A súa pantalla será un panel AMOLED de 6,8 polgadas, con resolución FHD+ e taxa de refresco de 120 Hz. No interior teremos un procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 3, xunto con configuracións de até 16 GB de RAM e 1 TB de almacenaxe interna.
A cámara traseira contará cun sensor principal de 50 MP con OIS, acompañado dun ultra gran angular de 8 MP e telefoto de 50 MP con zoom óptico 2x, mentres que a cámara frontal será un sensor de 32 MP para selfies de alta calidade.
Completando a folla de características teremos unha batería de 5.000 mAH con carga rápida de 45W, resistencia IP69 e funcións avanzadas de intelixencia artificial (IA), especialmente no apartado fotográfico, e que realme desvelará no propio evento.
Un antes e un despois para realme
A chegada de realme ao Mobile World Congress 2025 reflicte o crecemento da marca e o seu interese por competir no segmento premium. O realme 14 Pro non será o único dispositivo que vexamos na presentación, xa que se especula coa posíbel chegada dun modelo CMF 2 ou mesmo unha versión mellorada denominada 14 Pro Plus con zoom de periscopio.
Haberá que agardar ao 4 de marzo para coñecer todos os detalles deste innovador smartphone, pero unha cousa está clara: realme está disposta a sorprender e marcar tendencia no mercado global.