A Unión Europea dá un paso adiante no campo da Inteligencia Artificial (IA) coa creación de OpenEuroLLM, unha iniciativa que busca desenvolver modelos de linguaxe abertos e adaptados a todas as linguas oficiais e futuras da UE. Este proxecto acaba de recibir o recoñecemento da Comisión Europea, sendo o primeiro financiado polo programa Digital Europe en obter o distintivo Strategic Technologies for Europe Platform (STEP) Seal.
Unha aposta por unha IA soberana e transparente
O obxectivo principal de OpenEuroLLM é reducir a dependencia tecnolóxica de Europa con respecto a potencias como Estados Unidos e China, que lideran o desenvolvemento da IA con empresas como OpenAI, Alphabet, Meta ou DeepSeek. O proxecto enfatiza valores fundamentais como transparencia, accesibilidade e privacidade, asegurando que os modelos respecten a estrita normativa da UE en materia de IA.
Para iso, OpenEuroLLM contará con máis de 20 institucións europeas e utilizará supercomputadores europeos para adestrar os modelos. O seu orzamento total é de 37,4 millóns de euros, dos cales 20,6 millóns proceden do programa Digital Europe.
O reto económico: un abismo fronte a OpenAI
A pesar da importancia estratéxica do proxecto, a comparación co investimento dos líderes do sector pon de manifesto a dificultade de competir a nivel global. As cifras falan por si soas:
- OpenAI gasta uns 3.000 millóns de dólares anuais no adestramento dos seus modelos.
- O mantemento de ChatGPT supón uns 4.000 millóns adicionais ao ano.
- A isto hai que sumar máis de 1.000 millóns en salarios.
Se poñemos en perspectiva o orzamento de OpenEuroLLM (52 millóns de euros), vemos que OpenAI gasta esa mesma cantidade aproximadamente cada dous días.
Un modelo ético máis garantista
A UE aposta por un desenvolvemento da IA que respecte os dereitos dixitais e a privacidade das usuarias, algo que a diferencia dos seus competidores.
O marco regulador europeo é o máis estrito do mundo, o que pode facer que o desenvolvemento de OpenEuroLLM sexa máis lento en comparación cos modelos de empresas estadounidenses ou chinesas. Mentres que nestes países priorízase a velocidade e a eficiencia, Europa busca garantir un uso responsable e equitativo da IA, o que pode traducirse nunha menor competitividade no curto prazo.
OpenEuroLLM: moito máis ca un chatbot
OpenEuroLLM non busca crear outro chatbot como ChatGPT, senón desenvolver unha infraestrutura que permita ás empresas europeas innovar coas súas propias IA.
Este enfoque podería ser clave para a sustentabilidade do proxecto a longo prazo, pero necesitará moito máis financiamento e unha estratexia clara para pechar a brecha coa competencia global. DeepSeek, por exemplo, demostrou que é posible optimizar os recursos para crear modelos altamente eficientes. Será capaz Europa de facer o mesmo?