MasOrange levará a rede 5G a 250 concellos galegos grazas ao programa Unico 5G

A finais do ano pasado coñecemos a distribución das axudas para o despregamento de 5G no rural. En Galiza, MasOrange conseguiu facerse co 80% dos 35 millóns de euros de investimentos previstos, fronte unha Telefónica que resultou adxudicataria do 15% restante.

A compañía nada da fusión dos grupos MasMovil e Orange, que engloba marcas como R, vén de anunciar agora o seu plan de investimento para o próximo ano. Un plan no que mobilizará 70 millóns de euros (incluídas as axudas do programa Único 5G – Redes Activas) até marzo de 2026 para mellorar a cobertura móbil en preto de 250 concellos galegos con menos de 10.000 habitantes.

Este ambicioso proxecto, que se desenvolverá nas catro provincias galegas, contempla a instalación e mellora de preto de 1.000 estacións base, das cales 100 serán de nova construción. Con este despregamento, Galiza dará un paso adiante importante cara á dixitalización do rural, garantindo que case o 100% da poboación dispoña de cobertura 5G de última xeración.

A aposta de MasOrange por consolidar a marca R en Galiza

Con estes investimentos, MasOrange quere consolidar a súa marca R en Galiza. Unha compañía que conta coa maior cobertura de banda larga no noso país, con máis de 1,7 millóns de fogares dos 313 concellos con acceso á rede de fibra.

Ademais, R foi pioneira ao ofrecer unha solución de internet 5G fixo-móbil en 224 concellos a través do seu servizo “Internet rural”. Grazas a esta iniciativa, moitos puntos do país que non teñen acceso á fibrapoden gozar dunha conectividade similar á que ofrece a fibra, reducindo a fenda dixital e impulsando a igualdade de oportunidades en toda Galiza.

Sobre o autor

Reply