As gamas Galaxy S e Galaxy Z son as que máis sona lle dan a Samsung, mais sen dúbida a Galaxy A é unha das máis populares. A combinación dun prezo máis accesíbel con boas especificacións e un deseño atractivo é sinónimo de éxito.
O sucesor do actual modelo da serie está a piques de ser presentado. Falamos do Samsung Galaxy A56, un trebello do que xa podemos coñecer o seu deseño grazas a unha nova filtración. Esta non fai máis ca confirmar unha estratexia que Samsung vén aplicando nos últimos modelos: inspirarse na gama alta para subir o nivel nesta característica á que as usuarias dan cada vez máis importantes. Veremos, pois, unha inspiración nos recentes Galaxy S25.
Así, o Galaxy A56 contará con bordes totalmente planos e un acabado metalizado e mate para evitar as marcas das pegadas dixitais. A parte traseira será completamente plana, con cámaras dispostas verticalmente nun módulo -en negro- que resalta os sensores, e os botóns estarán situados á dereita. En canto ás cores, filtrouse que chegará en rosa, prata, verde e negro.
En canto ás características previstas, as filtracións apuntan a unha pantalla de 6,7 polgadas (1080 x 2340 píxeles) e procesador Exynos 1480, de fabricación propia en 4 nm. Disporía de triple cámara traseira (50 + 12 + 5 MP) e unha frontal de 12 MP, así como unha batería de 5000 mAh con carga de 45 W. Non faltarán funcións como a conectividade 5G, resitencia IP67 a pó e líquidos e lector de pegadas baixo a pantalla. Como sistema operativo virá con Android 15 con One UI 7.
Con estes datos filtrado só queda coñecer a data de presentación, así como o prezo co que Samsung ten previsto poñer este modelo no mercado. Estaremos atentas a calquera novidade para confirmar todos os detalles que se foron adiantando.