Deputación e Clúster Audiovisual poñen en marcha o CEI na Coruña, convertendo a cidade nun referente da produción virtual

Ademais da posta en marcha da AESIA non foi o único fito destacado desta mañá na Coruña. A cidade consolídase como un dos grandes epicentros audiovisuais máis importantes do Estado. O Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior centro de produción virtual do país, acaba de inaugurar a súa actividade oficial. Impulsado pola Deputación da Coruña e o Clúster Audiovisual Galego, e xestionado por Pedralonga Estudios, este ambicioso proxecto sitúa á cidade como un hub audiovisual clave para a produción de cinema, televisión, publicidade e videoxogos.

A inauguración do CEI contou coa presenza de diversas autoridades, entre elas o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López Águeda, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entre outras.

As diversas intervencións destacaron a importancia da colaboración institucional para levar a cabo este proxecto, sinalando que houbo unha conxunción de vontades para entender a necesidade do CEI e poñer en marcha unha iniciativa estratéxica para o sector.

O maior estudo de produción virtual do Estado

O CEI supón un investimento de case 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación da Coruña e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A instalación conta con 2.000 metros cadrados, dos cales 800 están destinados a un plató inmersivo de última xeración. O espazo está equipado con tecnoloxía avanzada en realidade virtual, aumentada e estendida, permitindo crear escenarios hiperrealistas para producións de cine, televisión e publicidade.

A infraestrutura destaca polo seu sistema de paneis LED 4K, que permite recrear con precisión calquera localización, real ou ficticia, e integrala con elementos físicos en tempo real. Ademais, conta cun sistema avanzado de tracking e posicionamento de cámaras de Pixotope Vision, así como cámaras ARRI Alexa LF de alta calidade. O centro tamén inclúe servizos auxiliares como salas de edición, efectos visuais (VFX), camerinos e un sistema central de almacenamento de contido en tempo real, garantindo unha produción eficiente e adaptada aos estándares máis esixentes da industria.

A xestión do CEI estará a cargo de Pedralonga Estudios, unha sociedade creada en 2024 e participada polo Clúster Audiovisual Galego, a Universidade da Coruña e dez das principais empresas audiovisuais de Galicia. Entre elas atópanse Portocabo, TEX45 Producciones, Vaca Films, Voz Audiovisual, Congo Producciones, Zenit Televisión, Producciones Audiovisuales Siete Media, Undodez, Avendaño Estudio e Centro de Estudios Marcote.

Esta joint venture será a encargada de promocionar e xestionar o CEI durante os próximos 20 anos, con posibilidade de prórroga por outros cinco. A implicación de múltiples actores do sector garante un enfoque colaborativo que beneficiará tanto á industria galega como ao conxunto do audiovisual español.

Sobre o autor

Reply