ZTE vai ampliar a súa familia de dispositivos cun novo smartphone que vén de ser listado na súa páxina web: o ZTE Blade V70 Max. Un trebello que sen dúbida destaca polo seu gran tamaño, cunha pantalla de 6,9 polgadas, e pola batería de 6.000 mAh que promete unha autonomía prolongada. Trátase da versión máis potente da serie Blade V70, que xa contaba co Blade V70 e o Blade V70 Design, ambos anunciados en novembro do pasado ano.
Unha gran pantalla con taxa de refresco de 120 Hz
O ZTE Blade V70 Max incorpora un panel de 6,9 polgadas cunha taxa de refresco de 120 Hz, garantindo unha experiencia fluída tanto en navegación como en xogos. A súa pantalla inclúe un notch en forma de pinga de auga e un bordo inferior algo groso, mantendo unha estética clásica dentro da gama media. Ademais, o dispositivo soporta Live Island 2.0, a versión de ZTE da Dynamic Island de Apple, unha funcionalidade que permite mostrar notificacións e animacións interactivas arredor do notch.

En canto a outros detalles técnicos, o Blade V70 Max integra 4 GB de RAM, unha cantidade xusta en pleno 2025, suficiente para tarefas básicas e multitarefa moderada. Destaca a súa certificación IP54, que lle proporciona resistencia ao po e ás salpicaduras de auga, e foi sometido a probas que confirman que pode soportar caídas de ata 1,5 metros sen danos críticos.
O dispositivo corre baixo a capa de personalización MyOS, baseada en Android, coa promesa de ZTE de que manterá un rendemento fluído durante catro anos, algo pouco habitual dentro desta gama de prezos.
O apartado da autonomía é un dos puntos máis destacados deste modelo. Coa súa capacidade de 6.000 mAh, o Blade V70 Max está pensado para usuarias que buscan un terminal capaz de aguantar longas xornadas sen depender do cargador. Ademais ofrece carga de 22,5W e, segundo ZTE, a batería mantén ata o 80% da súa capacidade orixinal tras 800 ciclos de carga, garantindo unha boa durabilidade a longo prazo.
No apartado fotográfico, o ZTE Blade V70 Max incorpora unha cámara principal de 50 MP, acompañada por outros dous sensores adicionais, aínda que a marca non especificou os seus detalles exactos. Esta configuración debería ofrecer unha experiencia fotográfica completa dentro da súa gama, con opcións versátiles para distintas condicións de iluminación.
ZTE Blade V70 Max: pendentes dos detalles
Malia que ZTE non revelou todos os detalles do Blade V70 Max, este modelo preséntase como unha opción interesante para as usuarias que buscan unha gran pantalla, unha batería duradeira e un deseño resistente.
Estaremos atentas a futuras novidades sobre o seu prezo e dispoñibilidade no mercado global, no que agardamos que debute con prezos contidos.
