OnePlus confirmou que non lanzará un novo móbil encartábel este ano, deixando en pausa a serie Open e alimentando as incertezas sobre o seu futuro. O OnePlus Open 2, que moitas esperaban para competir cos próximos Samsung Galaxy Z Fold e Google Pixel Fold, terá que esperar polo menos ata 2026.
A noticia chegou directamente desde a marca, da man de Vale Gu, Product Manager de OnePlus Open, nunha publicación nos foros da comunidade. Segundo explicou, a compañía decidiu replantexar os seus próximos pasos en dispositivos encartábeis, concluíndo que 2025 non é o momento axeitado para lanzar un sucesor do Open.
A decisión chega nun momento no que o Oppo Find N5, modelo no que se basearía o OnePlus Open 2, está a xerar grande expectación. A compañía quixo así arrefriar as especulacións e evitar decepcións, deixando claro que non abandonan os encartábeis, pero tampouco teñen présa por lanzar un novo modelo.
Aínda que non hai un modelo novo á vista, a empresa asegurou que seguirá explorando melloras en tecnoloxía de pantallas que pregan sobre si mesmas, e que aproveitará os avances do Oppo Find N5 nun futuro dispositivo. Non obstante, esta pausa pon a OnePlus nunha situación complicada, xa que Samsung planea lanzar un novo modelo encartábel de menos de 10 mm de grosor este verán, e Google tamén podería anunciar un Pixel 9 Pro Fold a finais de ano.
A distancia entre o OnePlus Open orixinal (lanzado en outubro de 2023) e o seu posíbel sucesor será de polo menos dous anos, o que podería facer que a marca perda a vantaxe que acadou co seu primeiro modelo.
O soporte dos OnePlus One actuais mantense sen cambios
A compañía garantiu que o soporte para os actuais usuarios do OnePlus Open manterase sen cambios. Ademais, o dispositivo seguirá dispoñíbel para a súa compra nas tendas habituais, xa que, sen un novo modelo en camiño, parece que seguirá sendo o único modelo deste tipo da marca por algún tempo.
Para quen busque un móbil con OxygenOS e boas capacidades de multitarefa, o OnePlus 13 preséntase como unha alternativa sólida, aínda que sen a pantalla encartábel que fixo destacar ao Open. De feito, inclúe a mesma funcionalidade de Open Canvas, pensada para maximizar a produtividade con varias aplicacións abertas á vez.