O Huawei Mate XT, triplemente encartábel, xa é oficial a nivel global

Huawei vén de anunciar o lanzamento global do Huawei Mate XT, o primeiro smartphone triplemente encartábel. Un anuncio que chega coincidindo co freo a este tipo de dispositivos por parte de outro fabricante chinñes, OnePlus. O novo dispositivo, que racha co formato habitual tipo “fold”, introduce unha pantalla interna tres veces maior cá externa, permitindo mútiples configuracións segundo as necesidades das usuarias.

Cando está completamente despregada, o Huawei Mate XT ofrece unha pantalla flexíbel de 10,2 polgadas, proporcionando unha experiencia similar á dunha tablet de gran formato. Isto permite unha mellor multitarefa, unha maior comodidade para visualizar vídeos e unha interface inmersiva en calquera orientación.

Pero esta non é a única configuración que admite. Tamén podemos empregar un modo intermedio, semellante á experiencia que ofrecen os dispositivos encartábeis tipo “fold”; ou o modo compacto, manténdose sorprendemente fino grazas a unha pantalla de tan só 3,6 mm de grosor. Para executar estes movementos, Huawei aposta por unha tecnoloxía de bisagras mellorada que permite dobrar a pantalla dúas veces sobre si mesma sen comprometer a durabilidade nin a estética.

Máis aló da pantalla, a fotografía segue a ser un dos puntos fortes de Huawei, e o Mate XT non decepciona. Incorpora un sensor XMAGE Ultra Aperture, que permite axustar a apertura en 10 niveis distintos, garantindo capturas nítidas e con calidade profesional. Segundo a compañía, esta cámara é capaz de ofrecer resultados comparables aos dunha cámara DSLR en diferentes condicións de iluminación.

Dispoñibilidade e prezo do Huawei Mate XT

Malia ter confirmado que o Mate XT terá un lanzamento global, a compañía non detallou prazos nin prezos específicos para Galiza. Todo parece indicar que será no Mobile World Congress, que se celebrará en Barcelona en apenas dúas semanas, cando por fin teñamos esta información.

Sobre o autor

No Responses

Reply