Tal e como estaba previsto, OnePlus anunciou onte o seu novo smartwath: o OnePlus Watch 3. Un dispositivo que chega con importantes melloras con respecto ao seu predecesor. Entre os seus grandes atractivos destaca a integración de Wear OS 5 de Google, unha autonomía superior -de ata 16 días en modo aforro- e un sistema de monitorización da saúde máis completo.
A autonomía dos reloxos de OnePlus sempre foi un punto ao seu favor, e neste OnePlus Watch 3 a compañía vai aínda un paso máis adiante. Grazas á combinación da arquitectura de dobre procesador e a batería OnePlus Silicon NanoStack Battery, o reloxo ofrece unha autonomía de 5 días de uso en modo intelixente, que se poden extender até os 16 días en modo aforro. Ademais, con 10 minutos de carga ofrece autonomía abonda para un día completo.
En canto ao seu deseño, o OnePlus Watch 3 aposta por un estilo refinado e duradeiro. Está dispoñíbel en dous acabados elegantes: Emerald Titanium e Obsidian Titanium. O seu corpo está fabricado en aceiro inoxidábel con bisel de titanio PVD, o que lle confire unha estética premium e unha excelente resistencia á corrosión. Ademais, a pantalla está protexida con vidro de zafiro 2D, garantindo maior durabilidade.
Outra novidade é a coroa xiratoria funcional, que facilita o control e a navegación polas distintas funcións do reloxo dun xeito máis intuitivo.
Monitorización avanzada da saúde e do estado físico
O OnePlus Watch 3 integra novas ferramentas para un seguemento máis preciso da saúde. Unha das súas características estrela é o Chequeo de Saúde en 60 segundos, que permite coñecer rapidamente seis métricas clave: frecuencia cardíaca; niveis de osíxeno en sangue (SpO2), temperatura do pulso; estado físico e mental; calidade do sono e idade vascular.
Ademais, inclúe a nova función 360 Corpo e Mente, que analiza a frecuencia cardíaca en repouso, a variabilidade da frecuencia cardíaca (VFC) e os niveis de estrés para ofrecer unha avaliación máis detallada do benestar das usuarias.
Para as amantes do deporte, o OnePlus Watch 3 mellora o seu rendemento co novo chip GPS de dobre frecuencia, que ofrece unha maior precisión na localización en exteriores. O reloxo é compatíbel con máis de 100 modos deportivos, incluíndo opcións optimizadas para running, natación, esquí, ciclismo e ioga.
Tamén incorpora un sistema de análise da queima de graxas e hidratos de carbono, permitindo axustar a intensidade dos adestramentos para obter mellores resultados.
Integración co ecosistema Google e OnePlus
Grazas á integración con Wear OS 5, o OnePlus Watch 3 ofrece acceso a aplicacións esenciais como Google Maps, Gmail e Google Wallet. Ademais, permite responder correos electrónicos directamente desde o reloxo e utilizar tarxetas de embarque dixitais, unha ferramenta cada vez máis empregada polas usuarias.
Ademais, para aquelas persoas que combinen este reloxo cun smartphone OnePlus, o trebello ofrece funcións adicionais, que inclúen o control remoto da cámara, ou o manexo de vídeos de TikTok e YouTube Shorts.
Dispoñibilidade e prezo do OnePlus Watch 3
O OnePlus Watch 3 xa está dispoñíbel en precompra, cun prezo de 349 euros. Como é habitual na marca, chega cunha oferta especial de lanzamento, de maneira que se nos facemos con el antes do 25 de febreiro, recibiremos 50 € de desconto directo e uns OnePlus Buds Pro 3 de regalo, que están valorados en 170 €.
