Amazfit continúa ampliando o seu catálogo de reloxos intelixentes e acaba de anunciar o Amazfit Bip 6, un smartwatch que destaca polo seu deseño lixeiro, unha pantalla AMOLED de grandes dimensións e funcionalidades avanzadas como mapas offline e adestrador con intelixencia artificial (IA). Este modelo chega como unha opción ideal para as amantes do deporte e a saúde, mantendo a esencia da serie Bip pero cun salto cualitativo en tecnoloxía e deseño.
Pantalla superbrillante, adestrador IA e máis de 140 modos de deporte
Unha das características máis rechamantes do Amazfit Bip 6 é a súa pantalla AMOLED de 1,97 polgadas cunha luminosidade de 2.000 nits, garantindo unha visibilidade óptima mesmo en exteriores baixo luz solar directa. O reloxo aposta por un formato cadrado e un corpo lixeiro de aluminio, dispoñíbel en catro cores: negro, carbón, pedra e vermello. Ademais, conta cunha resistencia á auga de 5 ATM, polo que é perfecto para natación e deportes acuáticos.
O Amazfit Bip 6 dá un paso adiante na personalización do adestramento grazas ao seu adestrador intelixente con IA, que axuda a crear rutinas adaptadas ás necesidades de cada usuaria. Ademais, inclúe máis de 140 modos deportivos, destacando a función de Adestramento de Forza Intelixente, que permite un seguimento detallado dos grupos musculares implicados en cada exercicio.

A inclusión de mapas offline é outro gran valor engadido, xa que as usuarias poderán descargar mapas e utilizalos sen necesidade de conexión a Internet, ideal para rutas ao aire libre e actividades en lugares remotos.
O reloxo incorpora o sensor BioTracker 5PD de Amazfit, que permite medir con precisión o ritmo cardíaco, os niveis de osíxeno no sangue (SpO2), a variabilidade da frecuencia cardíaca (HRV) e o estrés. Esta tecnoloxía avanzada garante un control detallado da saúde, proporcionando datos valiosos tanto para deportistas como para usuarios que buscan mellorar o seu benestar.
Amazfit mantén a esencia da serie Bip coa súa gran autonomía, acadando até 15 días con uso normal. O Bip 6 tamén ofrece unha integración total co smartphone, permitindo recibir notificacións de chamadas, mensaxes e redes sociais, así como responder chamadas e controlar a música e a cámara do móbil (esta última función só dispoñíbel, nun comezo, en iPhone).
Lanzamento e prezo do Amazfit Bip 6
Amazfit anunciou o Bip 6 en España, pero aínda non revelou o seu prezo nin a data exacta de lanzamento. Se segue a estratexia de prezos dos seus predecesores, este smartwatch podería converterse nunha das opcións máis atractivas da gama media grazas á súa combinación de deseño, tecnoloxía e funcionalidades avanzadas.
Estaremos atentas a novas actualizacións sobre a dispoñibilidade deste novo Amazfit Bip 6, que promete ser un dos reloxos intelixentes máis equilibrados do mercado en 2025.
