Nestes últimos días falamos moito sobre móbiles encartábeis e como están evolucionando para ofrecer innovación en deseño, resistencia e funcionalidades. Se xa viamos apostas revolucionarias como o Huawei Mate XT co seu triplo peche, agora é a quenda de Oppo, que acaba de presentar o Oppo Find N5, que destaca por ser o móbil destas características máis fino do mundo.
Este dispositivo non só destaca polo seu grosor de 4,21 mm cando está despregado, senón que tamén chega cargado dos últimos avances tecnolóxicos: unha pantalla AMOLED de última xeración, o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite e unha batería máis grande que a da xeración anterior. A todo isto súmase unha integración avanzada de intelixencia artificial (IA), unha das apostas máis fortes de Oppo para diferenciarse dos seus competidores.

Deseño do Oppo Find N5: desafiando os límites
O Oppo Find N5 establece un novo estándar no segmento dos móbiles encartábeis coa súa estrutura ultrafina. Ao estar despregado, só mide 4,21 mm de grosor, converténdose no máis fino da súa categoría. A marca conseguiu esta proeza sen comprometer a resistencia nin a funcionalidade, sen comrpometer o sistema de peche.
No apartado das pantallas, atopamos dous paneis AMOLED LTPO con taxa de refresco de 120 Hz. A interna acada as 8,12 polgadas cunha resolución de 2.480 x 2.248 píxeles e un brillo máximo de 2.100 nits, mentres que a externa mide 6,62 polgadas, con resolución 2.616 x 1.140 píxeles e un brillo de 2.450 nits. Con estas cifras asegúrase unha experiencia visual vibrante e nítida, tanto en interiores como en exteriores.

Oppo Find N5: rendemento e autonomía
O Find N5 tamén dá un paso adiante no apartado técnico. Vén equipado co procesador Snapdragon 8 Elite, o máis potente de Qualcomm até a data, acompañado dunha GPU Adreno 830. Segundo a configuración, pode levar 12 GB ou 16 GB de RAM e opcións de almacenamento de 256 GB, 512 GB ou mesmo 1 TB, garantindo velocidade e espazo de sobra para calquera necesidade.
En canto á batería, dá un salto importante fronte ao modelo anterior, pasando de 4.800 mAh a 5.600 mAh, o que supón unha mellora notábel na autonomía. Ademais, inclúe carga rápida SUPERVOOC de 80 W e carga sen fíos de 50 W, permitindo recuperar enerxía en cuestión de minutos.
O módulo fotográfico do Oppo Find N5 está composto por tres cámaras traseiras e dúas cámaras frontais. O sensor principal de 50 MP con estabilización óptica (OIS) promete capturas nítidas e detalladas, mentres que o teleobxectivo de 50 MP con zoom de 30x ofrece unha gran versatilidade. O conxunto complétase cun ultra gran angular de 8 MP. Pola súa parte, as cámaras frontais, situadas tanto na pantalla externa como na interna, contan con 8 MP e apertura f/2.4, sendo ideais para chamadas de vídeo e selfies ocasionais.
O Find N5 non sería un flagship sen unha capa de software adaptada ao máximo. O dispositivo inclúe Android 15 con ColorOS 15, incorporando funcións avanzadas de intelixencia artificial para a xestión de chamadas, tradución en tempo real e optimización de procesos. Tamén introduce unha integración especial con ordenadores Mac, permitindo sincronizar arquivos de forma nativa para as usuarias de computadores Apple.
A conectividade está á altura dun dispositivo premium, con soporte para 5G, WiFi 7, Bluetooth 5.4 e GPS de alta precisión. Ademais, conta con certificación IPX9/IPX8, asegurando resistencia á auga e ao po.
Dispoñibilidade e prezo do Oppo Find N5
Malia que Oppo non revelou oficialmente os prezos do Find N5, si confirmou que abrirá reservas na China, con tres variantes de memoria. A versión de 16 + 512 GB será a que chegue ao mercado global, mentres que as opcións de 12 + 256 GB e 16 GB + 1 TB estarán dispoñíbeis de forma limitada no país de orixe.
En canto ás cores, o Oppo Find N5 estará dispoñíbel en Púrpura Crepuscular, Branco Jade e Negro Satinado. O prezo e a dispoñibilidade en Europa anunciaranse proximamente, seguramente durante o Mobile World Congress (MWC) de Barcelona que se celebra en 10 días.