A plataforma de vídeo máis popular do mundo, YouTube, está a traballar nunha nova subscrición máis accesíbel para as usuarias que queren ver contido sen anuncios, pero sen pagar polo paquete completo de YouTube Premium. Segundo información publicada por Bloomberg, YouTube Premium Lite está en fase de proba e o seu lanzamento será inminente.
Esta nova versión está pensada para aquelas persoas que usan YouTube principalmente para ver vídeos educativos, instrutivos ou escoitar podcasts, pero que non necesitan as vantaxes de YouTube Music.
Unha alternativa máis económica para YouTube Premium
YouTube leva tempo impulsando a súa subscrición Premium, que permite eliminar os anuncios, reproducir contido en segundo plano e descargar vídeos para velos sen conexión. Con todo, o seu prezo elevado e a competencia de plataformas como Spotify ou Apple Music fan que moitas usuarias non a consideren necesaria.
Coa recente subida de prezos de YouTube Premium, que sitúa o prezo de partida nos 13,99 €/mes, a compañía decidiu ofrecer unha alternativa máis accesible. YouTube Premium Lite ofrecerá a experiencia sen anuncios, pero sen acceso a YouTube Music, permitindo aforrar diñeiro a quen non utiliza YouTube para escoitar música, senón para aprender ou informarse.
Aínda que YouTube non deu detalles concretos sobre todas as funcións que incluirá esta subscrición, apúntase a que manterá algunhas das vantaxes da versión Premium. Entre elas, as máis destacadas serían:
- Eliminación de anuncios en todos os vídeos.
- Reprodución en segundo plano (mesmo coa pantalla apagada).
- Descarga de vídeos para velos sen conexión.
A gran diferenza con YouTube Premium será a ausencia de YouTube Music, polo que as usuarias que queiran unha alternativa para escoitar música sen anuncios terán que seguir optando por plataformas como Spotify, Apple Music ou Amazon Music.
Dispoñibilidade de YouTube Premium Lite
Segundo Bloomberg, YouTube Premium Lite xa foi probado en varios mercados, e os primeiros países en recibilo oficialmente serían Estados Unidos, Australia, Alemaña e Tailandia. Aínda non hai confirmación sobre a súa chegada ao noso país, pero é probábel que se expanda a máis territorios nos próximos meses se a acollida é positiva.
Agora só queda por saber o prezo oficial de YouTube Premium Lite. Se se lanza cunha cota atractiva, pode converterse nunha das opcións máis populares entre as usuarias que usan YouTube a diario.
