O Xiaomi 15 Ultra está chamado a ser un dos móbiles Android máis icónicos do ano, e agora sorprende cun accesorio exclusivo que promete revolucionar a experiencia fotográfica. Xiaomi deu a coñecer o Photograph Kit Legend Edition, un conxunto que permite converter o móbil nunha sorte de cámara de fotos, mellorando o control e a sensación ao capturar imaxes.
Un kit que vai máis aló do estético
Xiaomi leva anos apostando pola fotografía nos seus dispositivos e, con cada novo lanzamento, engade complementos que potencian a experiencia das usuarias. En 2023 xa fixera algo semellante co Xiaomi 13 Ultra, e agora dá un paso máis con este kit exclusivo para o 15 Ultra.
A diferenza de accesorios anteriores, este conta cunha novidade moi interesante: un botón de disparo suave intercambiábel, que mellora o control ao sacar fotografías, ofrecendo unha sensación similar á dunha cámara tradicional. Este detalle marca a diferenza, xa que permite un manexo máis natural e preciso, algo especialmente útil para as amantes da fotografía.
A nivel visual, o Photograph Kit Legend Edition tamén destaca. Xiaomi apostou por un deseño en vermello vibrante, que rodea o módulo de cámaras circular do dispositivo. O ton metálico e o coidado acabado fan que este accesorio non só sexa funcional, senón tamén atractivo para as que buscan un toque diferenciador no seu móbil. Ademais, o logo de Xiaomi tamén aparece en vermello, mantendo a coherencia estética do conxunto.

O kit tamén incorpora dous adaptadores para lentes externas, que permitirán levar a fotografía con móbil a outro nivel. Aínda que non se coñecen todos os detalles sobre os obxectivos compatíbeis, esta característica abre moitas posibilidades para as fotógrafas máis esixentes.
Dispoñibilidade do Xiaomi 15 Ultra
O Xiaomi 15 Ultra, que será presentado o 2 de marzo ás 14:00 horas en Barcelona, contará cun impresionante sistema de cámaras composto por un sensor principal de 50 MP cunha polgada de tamaño; un sensor ultra gran angular de 50 MP; un teleobxectivo de 50 MP para fotografía a distancia con gran detalle; e un lente periscópico de 200 MP, que promete un zoom espectacular.
En canto ao Photograph Kit Legend Edition, polo de agora é unha incógnita se estará dispoñíbel no noso país. O anuncio realizouse a través da súa conta de Instagram, onde a marca apenas deu detalles sobre a súa comercialización.
O que está claro é que Xiaomi segue apostando forte pola fotografía móbil e, con este kit, quere achegarse cada vez máis á experiencia dunha cámara profesional.