Qualcomm e Google prometen 8 anos de actualizacións para os móbiles con Snapdragon 8 Elite

O futuro dos móbiles Android podería cambiar radicalmente tras o anuncio de Qualcomm e Google, que se alían para ofrecer ata 8 anos de actualizacións nos dispositivos equipados co procesador Snapdragon 8 Elite. Este movemento sitúa Android á altura de Apple no soporte a longo prazo e podería redefinir a forma en que os fabricantes xestionan a vida útil dos seus teléfonos.

Unha nova era para as actualizacións de Android

Até o de agora, os mellores exemplos de soporte prolongado en Android viñan da man de Google, con os seus Pixel, e Samsung, coa serie Galaxy S, que xa ofrecen até 7 anos de actualizacións. Pero con Qualcomm entrando no xogo, a situación cambia por completo, xa que agora será o propio fabricante do procesador quen garanta a compatibilidade do software co hardware durante 8 anos.

Ademais, esta medida non só afectará ao Snapdragon 8 Elite, senón que tamén se aplicará á serie Snapdragon 7, permitindo que unha gama máis ampla de dispositivos se beneficien dun ciclo de vida moito máis longo.

Como funcionará este novo sistema de actualizacións?

Segundo apuntou Qualcomm, esta iniciativa baséase na compatibilidade co software de plataforma, o que significa que os fabricantes de móbiles poderán recibir actualizacións de Android e do kernel sen necesidade de facer cambios significativos no código do dispositivo. Isto é posíbel grazas a Project Treble, unha arquitectura que permite actualizar Android sen modificar os compoñentes específicos de cada fabricante.

Esta estratexia ten varias vantaxes:

  • Reduce os custos para os fabricantes (OEMs), xa que non terán que investir en grandes adaptacións do software.
  • Proporciona un soporte máis prolongado ás consumidoras, o que se traduce en dispositivos máis duradeiros e con mellor valor de reventa.
  • Fomenta a confianza en Android, ao achegarse ao modelo de Apple, que leva anos ofrecendo actualizacións de longa duración.

Que significa isto para as usuarias de Android?

Ata agora, moitos dispositivos Android quedaban obsoletos aos poucos anos debido á falta de actualizacións. Con esta nova política, os smartphones con Snapdragon 8 Elite poderán recibir até 8 anos de actualizacións de seguridade e do sistema operativo, asegurando así un dispositivo moderno e seguro durante case unha década.

Isto non só mellora a experiencia do usuario, senón que tamén reduce o impacto ambiental, xa que os teléfonos non quedarán obsoletos tan rápido, favorecendo a economía circular e o consumo responsable.

O desafío para os fabricantes

A gran cuestión agora é que marcas adoptarán esta iniciativa. Qualcomm pon a tecnoloxía sobre a mesa, pero os fabricantes de móbiles serán os que teñan que decidir se realmente ofrecen estas actualizacións as súas usuarias.

O tempo dirá se este é o verdadeiro punto de inflexión para Android, pero sen dúbida, a alianza entre Qualcomm e Google marca un antes e un despois no soporte a longo prazo dos móbiles.

Sobre o autor

Reply