Tras o seu debut na China, hoxe tocou a presentación global do novo móbil tope de gama de Xiaomi. Falamos, como non, do Xiaomi 15 Ultra, un dispositivo do que vimos falando nas últimas semanas, e que centra todas as novidades no apartado fotográfico e na autonomía. Faino ademais sen esquecerse de integrar o hardware máis potente do mercado, e mantendo unha estética refinada de gama alta.
Xiaomi 15 Ultra: principais características
O novo buque insignia de Xiaomi vén equipado cunha pantalla AMOLED de 6,73 polgadas e resolución Quad HD+ (3.200 x 1.440 píxeles) a 120 Hz, acadando un brillo de 3.200 nits. No seu interior, alberta o último procesador de Qualcomm, o Snapdragon 8 Elite, que garante o rendemento máis avanzado. Acompañándoo temos opcións de 12 ou 16 GB de RAM e unha capacidade de almacenaxe interna de 256 GB, 512 GB ou 1 TB.
O terminal presenta un chasis de aluminio con protección Shield Glass 2.0, que mellora a resistencia a caídas en até 16 veces respecto á xeración anterior. Ademais, existe unha edición especial “Silver Chrome“, con fibra de vidro de grao espacial, que engade un extra de robustez e un lixeiro incremento de peso (229 g fronte a 226 g). Como era de agardar nun dispositivo premium, conta con certificación IP68, garantindo resistencia ao po e á auga.
No apartado da autonomía, o Xiaomi 15 Ultra incorpora unha impresionante batería de 6.000 mAh, compatíbel con carga rápida de 90W por cable e 80W sen fíos.

Xiaomi 15 Ultra: Unha cámara de elite para fotografía profesional
Pero máis aló da súa ficha técnica, se algo distingue ao Xiaomi 15 Ultra é o seu sistema fotográfico. Vén equipado cun sensor principal Sony LYT-900 de 50 MP con lente de 23 mm f/1,63, xunto a outros dous sensores de 50 MP: un ultra gran angular de 14 mm f/2.2 e un teleobxectivo de 70 mm f/1,8. A eles súmase un sensor periscópico de 200 MP (Samsung HP9) con zoom de 100 mm f/2,6. Este último permite capturar até un 136% máis de luz, mellorando drasticamente as fotos con pouca iluminación.
En canto á gravación de vídeo, tanto o sensor principal como o teleobxectivo periscópico poden capturar 4K ata 120 FPS, ademais de permitir gravación en 8K a 30 FPS. A cámara frontal inclúe un sensor de 32 MP, garantindo selfies de alta calidade.
Como xa adiantamos hai uns días, para as amantes da fotografía que queren sacarlle todo o xugo ás cámaras deste dispositivo, Xiaomi lanzou ademais un accesorio que converte o móbil nunha cámara -case- profesional, engadindo un agarre ergonómico e un disparador físico, e que custa 199 €

Dispoñibilidade e prezo do Xiaomi 15 Ultra
Tras a súa posta de longo global, o Xiaomi 15 Ultra ponse á venda nas diferentes versións de forma global, con prezos que parten dos 1500 euros:
- 16 + 512 GB: 1.499,99 €
- 16 GB + 1 TB: 1.699,99 €
Como promoción de lanzamento, mercando este dispositivo antes do día 16 de marzo, recibirase como agasallo unha tablet Xiaomi Pad 7, que tamén foi presentada hoxe, e que está valorada en 400 euros.
Con estas especificacións, o Xiaomi 15 Ultra colócase como un dos móbiles máis avanzados do que levamos de 2025, especialmente aquelas persoas que buscan a mellor experiencia fotográfica e unha batería de longa duración.