Co Mobile World Congress 2025 (MWC25) como telón de fondo, ZTE presentou este mediodía a súa nova gama de smartphones gaming: a serie nubia Neo 3. Esta terceira xeración mantén o ADN gamer das súas predecesoras e mellórao con novas funcionalidades pensadas para unha experiencia de xogo inmersiva.
nubia Neo 3: un salto cualitativo na experiencia gaming móbil
A serie nubia Neo 3 destaca pola súa aposta en tecnoloxía avanzada, deseño cyber e funcionalidades específicas para xogadoras. Esta nova xeración introduce melloras significativas como un motor liñal máis sensíbel, iluminación ambiental envolvente, un espazo de xogo adicado e un sistema de refrixeración optimizado. Ademais, os característicos gatillos para xogo sitúanse no bordo do dispositivo, garantindo unha resposta táctil precisa.
A serie está formada por dous modelos, o nubia Neo 3 GT 5G (unha versión premium con maior rendemento e funcionalidades avanzadas), e o nubia Neo 3 5G (o modelo base, con características de alto nivel a un prezo máis competitivo).

O nubia Neo 3 GT 5G preséntase como o modelo máis avanzado da serie, orientado a usuarios que buscan un rendemento de elite. Entre as súas principais características destacan a pantalla OLED de 6,8 polgadas con resolución de 2392 x 1080 píxeles e taxa de refresco de 120 Hz para imaxes fluidas e detalladas, ou o sistema de refrixeración avanzada con sistema VC de 4083mm² e disipación multicapa para evitar sobrequecemento.
Integra tamén unha batería de 6000mAh con carga rápida de 80W, garantindo horas de xogo ininterrompido; altofalantes duais estéreo con DTS:X Ultra e motor liñal en eixo Z para unha experiencia háptica inmersiva. Tamén levaunha interface optimizada para xogos (Game Space 3.0) e motor de rendemento NeoTurbo, que emprega IA para mellorar a estabilidade de fps e optimizar a multitarefa.
A IA como compañeira de xogo
Unha das grandes novidades do nubia Neo 3 GT 5G é Demi, un asistente virtual baseado en IA que ofrece soporte personalizado durante os xogos e outras interaccións. Ademais, a tecnoloxía Neovision AI Photography mellora a calidade das imaxes coa súa cámara principal de 50 MP, mentres que funcións avanzadas como a tradución en tempo real permiten comunicación fluída en diferentes idiomas.
O smartphone está equipado co procesador UNISOC T9100, acompañado de até 24GB de RAM dinámica e 256GB de almacenamento interno, garantindo un rendemento sen interrupcións.
Dispoñibilidade e prezo da serie nubia Neo 3
A serie nubia Neo 3 chegará aos mercados globais a finais de marzo de 2025, cun prezo de partida de 249€ para a versión 5G e 349€ para o modelo GT. En España, espérase que a versión GT estea dispoñíbel en abril, mantendo o prezo anunciado.
Con esta aposta, ZTE reafirma o seu compromiso coa comunidade gamer, ofrecendo un smartphone con rendemento extremo, control de precisión e deseño innovador.