Primeiras impresións do Sonim XP Pro Thermal 5G no MWC 2025

No Mobile World Congress 2025 tivemos a oportunidade de ver en primeira persoa o Sonim XP Pro Thermal 5G, o smartphone ultra resistente con cámara térmica que Sonim Technologies presentou hai uns días. Este primeiro contacto serviunos para comprobar que, malia ser un dispositivo pensado para contornas extremas, resulta sorprendentemente manexábel e cómodo para o uso diario.

Un terminal resistente, pero ergonómico

Cando pensamos nun teléfono ultra resistente, adoita virnos á mente un dispositivo voluminoso e pesado. Porén, o XP Pro Thermal 5G sorprende pola súa boa ergonomía e peso relativamente contido, o que fai que non resulte incómodo de soster nin de levar no peto durante a xornada laboral.

O seu deseño está claramente orientado a profesionais que precisan un teléfono de alta durabilidade, pero sen comprometer a usabilidade. A construción sólida, con certificacións de resistencia a auga, po e impactos, dálle unha robustez que se sente na man sen resultar excesiva.

Cámara térmica: a gran protagonista

A cámara térmica FLIR Lepton 3.5 é, sen dúbida, o principal atractivo deste terminal. Durante a demostración no stand de Sonim, puidemos ver como a súa integración coa tecnoloxía MSX de Teledyne FLIR permite detectar diferenzas de temperatura con gran precisión. Isto convérteo nunha ferramenta esencial para sectores como a construción, o mantemento eléctrico ou a seguridade.

A aplicación Sonim IRIS facilita a captura e análise de datos térmicos en tempo real, permitindo compartir imaxes e informes de maneira eficiente. Esta funcionalidade sitúa o XP Pro Thermal 5G como un dos dispositivos máis completos para profesionais que dependen da visión térmica no seu traballo diario.

Un prezo acorde ás súas prestacións

Segundo as primeiras informacións, o prezo do Sonim XP Pro Thermal 5G situarase por riba dos 800 euros. Isto coloca o terminal nun segmento premium dentro dos smartphones ultra resistentes, pero xustificábel polas súas especificacións avanzadas e a súa especialización na imaxe térmica.

A súa combinación de resistencia, rendemento e ferramentas profesionais fan del unha opción interesante para quen precise un terminal fiábel en condicións difíciles. A chegada ao mercado europeo está prevista para o segundo trimestre de 2025, e todo apunta a que terá unha boa acollida entre as profesionais que demandan este tipo de solucións.

Sobre o autor

Reply