Telefónica continúa impulsando a iniciativa Open Gateway, presentando no Mobile World Congress 2025 novos acordos con tecnolóxicas e institucións de todo o mundo. Durante a ponencia ‘Open collaboration to innovate’, Chema Alonso, Chief Digital Officer de Telefónica, destacou o crecemento da adopción das APIs de Open Gateway e anunciou importantes colaboracións que reforzan o seu potencial.
Acordos con TikTok, Cabify, AWS e Google Cloud
Telefónica e TikTok ampliaron a súa colaboración a Europa coa creación da API ‘Age Verification’, que permitirá verificar a idade dos usuarios menores, contribuíndo a unha maior seguridade na plataforma. Esta API integrarase no marco do proxecto CAMARA da GSMA e a Fundación Linux para estandarizar e expoñer APIs no sector.
Outro dos anuncios destacados foi a integración da API ‘Number Verification’ en Cabify, permitindo ás usuarias rexistrarse sen recibir un SMS de confirmación. Esta solución aumentará a seguridade e axilidade do proceso, eliminando a necesidade de contrasinais de uso único.
Telefónica e Amazon Web Services (AWS) anunciaron a creación dun centro de innovación para desenvolver produtos SaaS para empresas de telecomunicacións. A colaboración combinará a experiencia de Telefónica en xestión de datos con a infraestrutura de AWS para ofrecer plataformas avanzadas baseadas na nube.
Finalmente, Telefónica e Google Cloud asociáronse para integrar Open Gateway en Google Firebase, plataforma que conta con máis de 3 millóns de desenvolvedores activos. Esta integración permitirá mellorar a autenticación de usuarias eliminando contrasinais de uso único (OTP) mediante SMS, reducindo riscos de phishing e mellorando a experiencia de usuario.
Con estes avances, Telefónica reafirma o seu compromiso coa transformación dixital e a innovación no sector das telecomunicacións, apostando por Open Gateway como un estándar global para a mellora dos servizos dixitais.