A conectividade 5G segue demostrando o seu potencial máis alá da mellora da velocidade de conexión. No Mobile World Congress (MWC) 2025, Orange presentou unha innovadora solución que combina robots autónomos e drons conectados a un segmento dedicado da súa rede 5G Stand Alone (SA). O obxectivo: detectar focos de incendio en tempo real e mellorar a seguridade en naves industriais e instalacións agroalimentarias.
Tecnoloxía 5G ao servizo da seguridade
A demostración realizada no stand de Orange estivo protagonizada por dispositivos da empresa salmantina Arbórea Intellbir. O sistema inclúe drons con sensores térmicos e robots terrestres capaces de percorrer grandes áreas para detectar posíbeis focos de calor. A clave desta solución reside na conectividade avanzada do 5G SA de MasOrange, que permite transmisións en tempo real e resposta inmediata ante calquera ameaza.

Como parte da demostración, ass asistentes puideron observar en directo como un dron, conectado a un robot autónomo, sobrevoaba unha nave en Salamanca. Ao detectar un punto de calor de case 200 graos, o sistema enviou unha alerta automática en segundos, permitindo unha reacción inmediata dos servizos de emerxencia. Este tipo de tecnoloxía pode ser especialmente útil en instalacións con placas solares, onde os incendios poden ter unha orixe difícil de detectar a simple vista.
Un paso máis cara ás redes 5G avanzadas
MasOrange destaca como un dos primeiros operadores europeos en ofrecer solucións reais baseadas en 5G SA, garantindo unha conexión estábel, segura e con capacidades optimizadas para aplicacións críticas. A compañía xa está implementando redes privadas 5G en infraestruturas clave como o Porto de Barcelona e o centro BasqueCCAM, das que falaron recentemente nun encontro celebrado en Arteixo.

Con proxectos coma este, queda claro que o 5G non só é unha revolución na conectividade, senón tamén unha ferramenta clave para mellorar a seguridade e a eficiencia en sectores críticos.
