Xa o adiantamos hai uns días e agora é oficial: Google presentou YouTube Premium Lite, unha nova subscrición máis accesíbel que permite eliminar a publicidade sen pagar os 13,99 € do plan Premium. Con prezo inicial de 7,99 dólares ao mes (nos Estados Unidos), este servizo busca ofrecer unha alternativa para as usuarias que só queren unha experiencia sen anuncios.
Diferenzas entre YouTube Premium e Premium Lite
A principal vantaxe de YouTube Premium Lite é a eliminación da maior parte dos anuncios da plataforma, pero con algunhas limitacións importantes respecto do plan esencial, YouTube Premium.
As principais diferenzas é que Premium Lite non inclúe a descargas de vídeos para velos sen conexión, nin permite reproducir vídeos en segundo plano. Tampouco elimina os anuncios de YouTube Music nin vídeos musicais, e algunhas seccións de gaming, moda ou novas tamén seguirán a ter publicidade.
Isto significa que, a diferenza de YouTube Premium, as usuarias de Premium Lite seguirán atopando algúns anuncios en determinados vídeos, algo que YouTube non especificou con claridade.
Dispoñibilidade de YouTube Premium no noso país
Por agora, Premium Lite só está dispoñíbel nos Estados Unidos, pero YouTube confirmou que pronto se expandirá a outros mercados. O servizo iniciará a súa proba en Tailandia, Alemaña e Australia, antes de chegar a Galiza e outros países ao longo de 2025.
Este lanzamento chega nun momento no que YouTube volveuse máis agresivo contra os bloqueadores de anuncios, con publicidade cada vez máis longa e frecuente. A plataforma busca un equilibrio entre ingresos publicitarios e subscricións, e Premium Lite podería ser a solución para moitas usuarias que queren librarse da publicidade sen pagar tanto.
A chegada de Premium Lite encaixa coa tendencia das plataformas de streaming de ofrecer plans con diferentes niveis de prezo e funcionalidade. Agora queda por ver cómo evolucionará este servizo e se realmente supón unha alternativa atractiva para as usuarias.
