A Xunta de Galiza vén de aprobar un acordo marco que permitirá incrementar a capacidade de almacenamento dos datos que xestionan os seus sistemas e aplicacións. Con esta medida, a Administración galega busca mellorar o rendemento dos seus servizos dixitais e garantir un acceso máis rápido e seguro á información cidadá.
O proxecto conta cun investimento de até 23 millóns de euros e inclúe a adquisición de cabinas de almacenamento, discos de alto rendemento e directores de fibra. O obxectivo é optimizar a comunicación entre servidores e mellorar a xestión de datos, nun contexto no que a demanda de servizos dixitais segue en aumento. Só entre 2022 e 2025, a capacidade de almacenamento da Xunta de Galiza pasou de 4,8 petabytes (PB) a 8,3 PB, unha cifra que seguirá medrando co novo equipamento.
Ademais de aumentar a capacidade de almacenamento, esta mellora permitirá un acceso máis rápido e seguro aos datos, a optimización do rendemento das aplicacións dixitais e unha maior eficiencia no uso de recursos tecnolóxicos.
Este acordo tamén está aberto a outras entidades públicas, facilitando así a adopción destas melloras por parte doutras administracións.
Un reforzo necesario para proxectos dixitais clave
Desde a Xunta destacan que a modernización da infraestrutura tecnolóxica resulta fundamental para impulsar iniciativas como:
- Carpeta cidadá: Un espazo dixital onde as cidadás poden consultar e xestionar a súa información administrativa de maneira centralizada.
- Plataforma Territorio Intelixente: Un proxecto que emprega datos xeoespaciais e sensorización para mellorar a planificación urbana e a xestión da mobilidade.
- Plataforma Agroforestal: Un sistema avanzado de análise de datos para optimizar a xestión forestal e agrícola, permitindo prever impactos antes da súa aplicación.
Deste modo, a Xunta asegura ter capacidade para responder ás necesidades actuais e futuras dunha Administración dixital.