Digi continúa a súa imparábel expansión no mercado español. Tras pechar o 2024 cun crecemento histórico, sumando máis de 900.000 novas usuarias, a operadora xa supera os 6 millóns de clientes móbiles e os 2 millóns de clientes de fibra. Con estas cifras, o seu obxectivo é claro: converterse na terceira operadora de banda ancha do país, desbancando a Vodafone no prazo dun ano.
Nunha entrevista recente ao diario Cinco Días, o CEO de Digi, Marius Varzaru, confirmou que a compañía non subirá os prezos en 2025, mantendo a súa estratexia de ofrecer servizos de alta calidade a prezos competitivos. A pesar de ser considerada unha operadora de baixo custe, Digi rexeita esta etiqueta e destaca que ofrece un servizo “igual ou mellor que a competencia”, como demostra coa súa fibra a 10 Gbps.
2025: o ano da rede móbil propia de Digi, e avances na fibra
Un dos grandes retos que Digi plantexa para este 2025 é o lanzamento da súa propia rede móbil. A compañía fíxose co espectro sobrante de MásOrange, pero aínda está pendente de que esta última libere as frecuencias. A previsión é que este proceso remate no segundo trimestre de 2025, permitindo a activación das primeiras antenas de Digi na segunda metade do ano.
O obxectivo da operadora é despregar rapidamente a súa rede móbil, acadando en tempo récord un tamaño similar ao que tivo Yoigo no seu momento, con máis de 5.000 antenas propias. Nos territorios sen cobertura directa, seguirá apoiándose na rede de Movistar.
A operadora tamén seguirá apostando polo despregamento propio da rede de fibra, afastándose dos acordos con MásOrange, Vodafone ou Telefónica. En 2024 sumou 3 millóns de novos fogares á súa rede de fibra Smart, que xa acada os 12 millóns de unidades inmobiliarias no conxunto do estado.
Digi non se vende (e tampouco descarta compras)
Arredor da cuestión da consolidación do sector, o directivo de Digi reafirmou que a compañía non está en venda, e que aspira a manterse a longo prazo no mercado español. Con todo, Varzaru non descarta aproveitar oportunidades, como posíbeis adquisicións de operadores máis pequenos, entre os que poderían estar marcas como Avatel ou Finetwork.
Con estas cifras e unha folla de ruta de obxectivos claros, Digi segue a reforzar a súa posición como unha das operadoras con maior crecemento en España, desafiando os grandes nomes do sector e situándose como unha alternativa de referencia para milleiros de usuarias.