Lenovo revoluciona os portátiles con pantallas magnéticas extraíbeis

O espazo de Lenovo no Mobile World Congress serviu para botar unha ollada ao futuro. Quen por aló pasaba deixábase sorprender polos seus portátiles con pantallas flexíbeis e mesmo enrollábeis, que dan boa conta das posibilidades que se abren nun futuro cada vez máis próximo.

Porén, tamén atopamos unha solución innovadora e máis inmediata para aquelas persoas que precisan máis espazo de pantalla nos seus portátiles: as pantallas magnéticas de quita e pon. Grazas ao sistema Magic Bay, as usuarias poderán ampliar as súas áreas de traballo de forma sinxela e sen complicacións, con módulos que se enganchan de forma magnética ao dispositivo, e que ademais podemos levar de viaxe connosco.

Expandir a nosa pantalla en cuestión de segundos

É sabido que son -somos- moitas as usuarias que usan un portátil para traballar, pero que no seu espazo de traballo teñen montado unha pantalla externa para ampliar as posibilidades e capacidades. Porén, a gran vantaxe de Magic Bay é a súa sinxeleza: os módulos de pantalla conéctanse ao portátil de forma magnética, sen necesidade de cables adicionais.

Lenovo presentou neste MWC catro novos conceptos de pantalla, que se adaptan ás diferentes necesidades das usuarias. O principal modelo, o Dual Display Concept (cuxo deseño é o que abre este artigo), é un sistema de dúas pantallas adicionais que se sitúan a cada lado da principal, creando un escritorio panorámico envolvente sen lag ao mover o cursor dun lado a outro.

Panel secundario vertical de Lenovo

Outro deseño é un panel secundario vertical, que permite visualizar información adicional, como un navegador, unha folla de datos ou un vídeo en segundo plano.

Panel Lenovo Tiko Pro

Por último temos dous paneis superiores: Tiko Pro, e Tiko. O primeiro deles é unha pantalla horizontl, que pode actuar como teleprompter, monitor do sistema ou tradutor simultáneo, entre outras. O segundo, o Tiko, é unha versión máis pequena e redonda, de deseño divertido e personalizábel mediante fundas, que tamén pode ofrecer información adicional.

Panel Lenovo Tiko de aspecto lúdico

A tecnoloxía Magic Bay permite unha integración total coa experiencia de usuario en Windows, recoñecendo automaticamente as pantallas como extensións do escritorio. Isto facilita o uso sen retardos e sen necesidade de configuracións complexas.

O sistema tamén destaca pola súa portabilidade, xa que os módulos poden plegarse e almacenarse facilmente cando non se usan. Ademais, a súa fixación magnética garante estabilidade e resistencia, mesmo nos modelos de dobre pantalla.

Dispoñibilidade das Lenovo Magic Bay

Desde Lenovo non quixeron revelar nin prezos nin datas de lanzamento, mais todo apunta a que esta tecnoloxía chegará ao mercado nos próximos meses. Sen dúbida, un avance que pode cambiar a forma en que usamos os portátiles para traballar e crear contido.

Pola nosa banda, estaremos atentas ás novidades sobre Magic Bay e a súa chegada ao mercado.

Sobre o autor

Reply