Xiaomi Buds 5 Pro Wi-Fi: os auriculares que levan o son ao seguinte nivel

Entre as novidades de Xiaomi no MWC destacaron, ademais do Xiaomi 15 Ultra, os seus auriculares sen fíos Xiaomi Buds 5 Pro Wi-Fi, os primeiros da marca en implementar a conectividade Wi-Fi. Grazas á tecnoloxía Qualcomm XPAN, estes auriculares permiten unha calidade de son sen perdas de até 96 kHz/24 bits con ancho de banda de ata 4,2 Mbps, superando as limitacións actuais do Bluetooth.

Conectividade Wi-Fi para unha experiencia de son superior

Como o seu propio nome indica, a principal novidade dos Xiaomi Buds 5 Pro Wi-Fi é a súa capacidade para conectarse á rede sen fíos do fogar, ofrecendo unha experiencia de son sen perdas en condicións ideais. Para aproveitar esta funcionalidade, cómpre ter un móbil compatíbel, como os Xiaomi 15 e Xiaomi 15 Ultra, e fontes de audio de alta calidade, como Amazon Music HD.

O sistema de conexión está optimizado para unha transición fluída entre Bluetooth e Wi-Fi, adaptando dinámicamente o códec para garantir unha conexión estábel e unha calidade de son superior, tanto en chamadas como en reprodución de música. A conectividade Wi-Fi dos Buds 5 Pro está deseñada para mellorar a experiencia de audio dentro do fogar, garantindo a máxima calidade de son sen perdas. Porén, fóra de casa ou en movemento, os auriculares seguirán dependendo da conexión Bluetooth.

Xiaomi puxo o foco tamén en destacar o son de alta fidelidade destes auriculares, grazas ao seu triple driver de 11 mm con tweeter PZT e controlador planar. Ofrecen ademais cancelación de ruído de até 55 dB, con axuste multinivel e modo transparencia, e funcións baseadas en intelixencia artificial (IA), destacando a gravación e transmisión de chamadas, a tradución en tempo real e o axuste dinámico do son.

Prezo e dispoñibilidade

Como xa adiantamos o día do seu lanzamento, os Xiaomi Buds 5 Pro Wi-Fi xa están dispoñíbeis no mercado, cun prezo de 219,99 euros. Para quen prefira unha versión só con Bluetooth, tamén existe unha alternativa por 199,99 euros.

Con esta aposta pola conectividade Wi-Fi, Xiaomi redefine a experiencia de son sen fíos, achegando unha calidade de audio -case- profesional ao uso diario.

Sobre o autor

Reply