Google Pixel 9a: filtrado por completo o novo móbil económico de Google

O Google Pixel 9a está a piques de chegar e, grazas a novas filtracións, xa podemos coñecer moitos dos seus detalles. Este dispositivo da gama media de Google aposta por un novo deseño, melloras na conectividade e un prezo competitivo que podería situarse nos 549 euros en Europa, para a versión de 128 GB.

Un dos cambios máis chamativos no Pixel 9a é a desaparición da típica barra de cámara sobresaínte que caracteriza os móbiles Pixel. Segundo as imaxes filtradas, o módulo traseiro da cámara estará completamente plano, ofrecendo un deseño máis minimalista e elegante. Ademais, o dispositivo estará dispoñíbel en tres cores: negro, branco e celeste.

Conectividade por satélite, WiFi 6E e outras especificacións

A gran sorpresa do Pixel 9a é a súa conectividade por satélite, unha característica pouco común en móbiles desta gama de prezo. Esta tecnoloxía permitirá ás usuarias manterse conectadas mesmo en zonas sen cobertura móbil tradicional, mellorando a seguridade e a comunicación en situacións de emerxencia. Ademais, o dispositivo contará con WiFi 6E, garantindo unha conexión sen fíos máis rápida e estábel nos usos máis domésticos.

Aínda que Google non confirmou as especificacións completas do Pixel 9a, os rexistros na FCC indican tres posíbeis modelos: GXQ96, GTF7P e G3Y12. En canto ao prezo, espérase que a versión de 128 GB custe 549 euros en Europa, mentres que a opción con 256 GB de memoria ascendería a 649 euros.

Sen novas do seu lanzamento

A data exacta do lanzamento do Google Pixel 9a aínda non foi anunciada, pero tendo en conta as filtracións e a súa recente certificación, podería ser presentado moi pronto. Sen dúbida, e como os seus predecesores, este móbil promete ser unha das mellores opcións na gama media, cun prezo axustado e prestacións destacadas para quen busca unha boa relación – prezo nas súas compras.

Sobre o autor

Reply