Ryanair aposta polo embarque 100% dixital e xorde a polémica

Ryanair segue a buscar novas estratexias para aumentar a súa rendibilidade e agora apunta ao embarque totalmente dixital. A partir do 3 de novembro de 2025, a aerolínea irlandesa deixará de aceptar tarxetas de embarque impresas, obrigando a todas as pasaxeiras a usar a súa aplicación móbil (ou unha carteira dixital) para acceder ao avión. Esta decisión, que xa foi atrasada unha vez, chega envolta en polémica e con críticas por parte de asociacións de consumidores como Facua, que a considera unha medida ilegal.

Segundo Ryanair, esta nova política ten un compoñente ecolóxico, pois aseguran que permitirá reducir 300 toneladas de residuos de papel ao ano. Ademais, destacan que o 80% da pasaxe xa usa a tarxeta de embarque dixital e que a súa aplicación myRyanair ofrece vantaxes como actualizacións en tempo real sobre os voos e posíbeis incidencias.

Con todo, esta medida tamén supón un aforro en custos operativos para a aerolínea, xa que reducirá a necesidade de imprimir tarxetas e diminuirá a carga de traballo do persoal nos aeroportos.

Facua considera que é unha medida discriminatoria

A asociación de consumidores Facua denunciou esta decisión como unha práctica abusiva e discriminatoria, alegando que podería perxudicar a pasaxeiras vulnerábeis, especialmente aqueles que non teñen acceso doado a dispositivos móbiles.

Ademais, Ryanair non especifica que sucedería no caso de que unha pasaxeira perdese o acceso ao seu móbil tras pasar o control de seguridade, algo que podería deberse a cuesións como quedar sen batería ou, por exemplo, escachar a pantalla.

Unha decisión en medio dun conflito co Goberno español

Esta nova política de Ryanair chega nun momento tenso para a compañía no Estado español. A aerolínea anunciou recentemente a súa saída de varios aeroportos, e unha drástica redución de voos en varios destinos, entre eles Santiago de Compostela.

Ryanair alega que isto é debido a unhas taxas operativas demasiado altas. Porén, esta decisión tamén se interpreta como unha resposta á multa imposta polo Goberno español debido ao uso abusivo das condicións das maletas de man.

Sobre o autor

Reply