Google lanza Wear OS 5.1 baseado en Android 15

Google vén de lanzar Wear OS 5.1, a nova versión do seu sistema operativo para reloxos intelixentes baseado en Android 15. A actualización chega sen grandes anuncios e substitúe a Wear OS 5, que estaba baseada en Android 14.

Por agora, os primeiros dispositivos en recibir Wear OS 5.1 son os Pixel Watch 1, Watch 2 e Watch 3, é dicir, os reloxos que levan o selo Google. E aínda que se espera que chegue a outros modelos que empregan este sistema operativo, como os Samsung Galaxy Watch, aínda non se coñece que modelos serán compatíbeis coa actualización.

Novidades de Wear OS 5.1

A versión previa de Wear OS 5.1 foi lanzada en novembro de 2024, introducindo dúas funcións principais:

  • Credential Manager: permite xestionar credenciais como PINs, contrasinais, passkeys e autenticación federada (por exemplo, “Iniciar sesión con Google”).
  • Reprodución de medios no altofalante interno: agora os reloxos con altofalante integrado poderán reproducir contido multimedia directamente sen necesidade de auriculares.

Agora que Wear OS 5.1 xa está dispoñíbel nos Pixel Watch, Google confirmou tres novas funcións adicionais:

  • Seguimento da saúde menstrual: unha función que xa está dispoñíbel en dispositivos Samsung Galaxy Watch.
  • Mellora dos controis multimedia: agora o sistema ofrece controis específicos segundo o tipo de contido reproducido, por exemplo, podcasts en YouTube Music.
  • Mellora do reconto de pasos: un novo algoritmo que mellora a precisión na medición dos pasos durante a actividade física.

Wear OS 5.1 nos Samsung Galaxy Watch

Samsung adoita lanzar novas versións de Wear OS xunto coa súa interface personalizada One UI Watch. No caso de Wear OS 5.1, é probábel que chegue integrado en One UI Watch 6.5.

Polos prazos anunciados de actualizacións, agárdase que esta actualización chegue aos modelos Galaxy Watch 4, Galaxy Watch 5, Galaxy Watch 6 e Galaxy Watch 7, ademais dos Galaxy Watch Ultra e Galaxy Watch FE.

En canto a prazos, e tendo en conta que Samsung adoita optimizar o seu propio software antes do lanzamento, non se espera que Wear OS 5.1 chegue aos reloxos intelixentes deste fabricante de inmediato. Haberá que agardar aos próximos anuncios da compañía para coñecer as datas concretas da actualización.

Sobre o autor

Reply