vivo V50 Lite: filtradas imaxes, especificacións e prezo

O vivo V50 Lite está a piques de ser presentado oficialmente, pero xa se filtraron as súas principais características, imaxes e mesmo o prezo estimado. Segundo os últimos datos, este modelo chegará en dúas versións: unha con conectividade 4G (algo pouco entendíbel a estas alturas) e outra con 5G, diferenciándose principalmente no procesador e a configuración da cámara traseira.

En ambos os dous modelos, o vivo V50 Lite contará cunha pantalla AMOLED de 6,77 polgadas con resolución FHD+ (1080×2392 píxeles) e unha taxa de refresco de 120 Hz, garantindo unha experiencia visual fluída e de alta calidade. Polas imaxes filtradas, podemos ver un deseño elegante con bordes reducidos e un acabado premium.

A versión 4G do vivo V50 Lite virá equipada co procesador Qualcomm Snapdragon 685, mentres que a versión 5G optará polo Dimensity 6300, de Mediatek. Ambas as variantes ofrecerán 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, aínda que podería haber máis opcións dispoñíbeis no lanzamento que non figuran nesta filtración.

No apartado fotográfico, o vivo V50 Lite 4G contará cunha cámara principal de 50 MP, acompañada dun sensor secundario de 2 MP. Na parte frontal, incluirá unha potente cámara para selfies de 32 MP. Pola súa parte, a versión 5G substitúe o sensor de 2 MP por unha cámara ultra gran angular de 8 MP, apropiada para capturar paisaxes e fotos de grupo con maior detalle.

Seguindo a tendencia que estamos a ver na gama media este 2025, o novo modelo de vivo contará cunha batería de alta capacidade, concretamente de 6.500 mAh, que promete unha gran autonomía. Ademais, soportará carga rápida de 90W, permitindo recuperar unha boa porcentaxe de batería en poucos minutos.

Outra das melloras que incorpora o vivo V50 Lite é a súa certificación IP65, que garante protección contra o po e salpicaduras de auga, facéndoo máis resistente para o día a día.

Dispoñibilidade e prezo en Europa do vivo V50 Lite

A filtración tamén revelou o prezo estimado do vivo V50 Lite 4G na súa versión de 8/256 GB, que será de aproximadamente 250 euros. Ao tratarse dunha filtración con prezo en euros, espérase que este modelo chegue oficialmente ao mercado europeo nun futuro próximo.

Con estes datos que coñecemos, podemos avanzar que o vivo V50 Lite preséntase como unha interesante opción dentro da gama media, cunha pantalla de calidade, gran autonomía, e un deseño atractivo. Agora só queda esperar á súa presentación oficial para coñecer todos os detalles e confirmar a súa chegada ao noso mercado.

Sobre o autor

Reply